O Concello móstrase satisfeito do acordo alcanzado coa teleoperadora, segundo o cal se realizará a “inmediata implantación en preto de 500 vivendas”, e esperanzado de poder desbloquear 900 máis na vindeira xuntanza.
A semana pasada, o Concello de Mos mantivo unha reunión con representantes da empresa teleoperadora R para desbloquear e avanzar na implantación da banda larga no municipio, para o que R recibiu unha subvención estatal. Costas fixo un balance moi positivo da xuntanza e informa de que xa están listos para despregar fibra en varios lugares do municipio: Atín, Casal, Casalmorto, Roublín, unha parte de Campo de Eiró e Rebullón, que suman un total de entre 400 e 500 vivendas que poderán beneficiarse da conexión de internet de banda larga.
A implantación tardará poucas semanas polo que, se todo transcurre segundo o previsto, a veciñanza destes 6 barrios disporá de fibra ótica de cara a finais do vindeiro mes de xuño ou principios de xullo. O edil de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, avanzou que na próxima reunión con R prevese desbloquear a posibilidade de dar servizo de internet de banda longa a outras 900 vivendas máis, cubrindo gran parte da parroquia de Sanguiñeda, e o resto de Pereiras, Petelos, Tameiga e Mos.
Con prazo ata 2020, a empresa R Cable como beneficiaria dunha subvención despregou redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia (entre eles debería ter estado Mos), que posibilitan servizos de acceso a Internet de de mais de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica. A última das convocatorias do Estado, publicada en Abril de 2018, contou cunha dotación de 18,5 millóns de euros para Galicia, coa que os operadores puideron continuar incrementando a velocidade de acceso a internet en zonas nas que non había servizo de redes ultrarrápidas, tal era e é, o caso de Mos.