Redacción 11/05/2021

COGAMI e ASNAUGA a favor da participación en actividades náuticas das persoas con discapacidade.

A Asociación de Clubes Náuticos de Galicia e COGAMI asinaron un convenio de colaboración co fin de facer accesibles e inclusivas a todas as persoas tanto as instalacións como as embarcacións e o desenvolvemento de actividades deportivas e de lecer.

Co fin de promover contornas que garantan a non discriminación das persoas con discapacidade na participación de actividades náuticas, o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga, e o presidente da Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA), Javier Ruiz de Cortázar, asinaron un convenio de colaboración nas instalacións que COGAMI ten en Santiago no que tamén estivo presente o coordinador de Accesibilidade de COGAMI, Álvaro García.

Con este acordo, os trinta clubs náuticos que forman parte de ASNAUGA comprométense a organizar actividades inclusivas e non discriminatorias para contribuír na mellora da accesibilidade tanto de infraestruturas e instalacións portuarias como das propias embarcacións de recreo.

Outro dos acordos adoptados tras este convenio é que as actividades de lecer que se deseñen van ser adaptadas a persoas con discapacidade, permitindo o desenvolvemento de capacidades de carácter físico e deportivas. Entre estas actividades atópase a de navegación a bordo do veleiro adaptado Laion, incautado pola Audiencia Nacional ao narcotráfico para cederllo en garda e custodia a unha entidade de COGAMI, sendo outra destas actividades a promoción das dúas rutas establecidas na Travesía Náutica Xacobea.

ASNAUGA é unha asociación privada sen ánimo de lucro que ten por obxectivo o fomentar servizos e infraestruturas portuarias, un turismo de calidade e accesible que permita diversificar a oferta turística existente e favorecer o desenvolvemento estable do sector náutico e da economía galega, e de todo tipo de actividades deportivas relacionadas co mar e a súa formación especializada.

COGAMI conta dende o ano 2004 cunha área especializada en accesibilidade que colabora na definición de medidas de accesibilidade, axudas técnicas, ergonomía e supresión de barreiras. Ademais, está comprometida no desenvolvemento de actividades deportivas e de ocio adaptadas as persoas con discapacidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad