O home faleceu despois de acudir cun cadro grave ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Ourense condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a abonar 86.366 euros á filla dun doente cun cadro grave ao que tardaron en atender en urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) case catro horas, un atraso que o maxistrado considera “inxustificable”. O home faleceu tres días despois de acudir ao centro hospitalario. Para o maxistrado, neste caso produciuse “un flagrante incumprimento da lex artis e dos protocolos establecidos, que requirían unha atención médica nun prazo inferior a 60 minutos”. Ademais, considera que “non hai medio algún de proba que permita xustificar o atraso na atención ao paciente”.
O home, segundo consta na sentenza, chegou ao hospital sobre as 12 horas do 3 de xaneiro de 2018 e, tras a triaxe obrigatoria, o resultado foi de cor amarela, o que significaba que o cadro era grave e que debía ser atendido en menos dunha hora. Con todo, non o foi ata despois de case catro horas desde a chegada a urxencias. O xuíz entende que ese atraso causou “que se agravase a súa situación e se elevase a súa tensión arterial, sen que se fixese nada para tratala, o que provocou un empeoramento e unha lesión directa sobre as arterias cerebrais”.
O maxistrado considera acreditado que se produciu “unha infracción clara, patente e inxustificada da lex artis”, á vez que salienta que, a pesar de que o doente “presentaba diversos síntomas, tanto ao chegar ao hospital como, especialmente, durante a súa espera, compatibles cun problema neurolóxico (caíaselle un ollo, tensión arterial en aumento, visión dobre…)”, tivo que ver “como a súa situación se ía agravando sen que, cando menos, se lle controlase a súa tensión arterial e se tratase de baixar a mesma”.
“Descoñezo, e creo que ninguén poderá sabelo con certeza, se o resultado fose o mesmo de prestarse atención médica no prazo marcado, pero o que é incuestionable é que, se se respectasen os protocolos, seguramente se puidese dar unha mellor e máis rápida resposta”, destaca o xuíz. Ademais, indica que “superado o prazo máximo no que debía ser visto por un médico, non consta que se fixese ningún control do estado do doente, e iso a pesar das reiteradas queixas e advertencias da familia ao persoal do hospital”. Os acompañantes do enfermo tivéronlle que ir buscar unha cadeira de rodas, pois vía dobre e caíaselle un ollo e, segundo consta no fallo, “advertiron ao persoal de urxencias reiteradamente, mesmo dixeron que podía sufrir un ictus, recibindo unicamente por resposta que non podían facer nada”.
O maxistrado tamén destaca que “agrava o atraso” o feito de que o paciente non acudise a urxencias polo seu propio pé ante unhas molestias puntuais, senón que foi derivado polo Punto de Atención Continuada do Carballiño. “En realidade, o tempo de espera foi maior, xa que se debe presumir que desa derivación se advirte ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a fin de que fose tomando as medidas correspondentes”, sinala.