Redacción 30/04/2021

COGAMI reclama poñer en marcha con urxencia o novo baremo de discapacidade.

Co gallo do Día Nacional da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, 3 de maio, COGAMI reivindica a posta en marcha do novo baremo da discapacidade, tras 20 anos sen ser modificado.

Co motivo da conmemoración o 3 de maio como Día Nacional da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, dende COGAMI, COCEMFE e o movemento asociativo que forma parte da discapacidade física e orgánica, reclaman a posta en marcha dun novo baremo de valoración do grao de discapacidade que permite o acceso a un sistema de dereitos establecidos no país e que leva sen renovarse máis de 20 anos. 

“Non podemos agardar máis”, expresa o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, tras anunciar esta semana o IMSERSO que o novo baremo será aprobado definitivamente en 2022. “É necesario e urxente que se axilicen os trámites para poñer en marcha o novo baremo canto antes”, engade Queiruga. 

O baremo do grao de discapacidade é a ferramenta que cualifica as dificultades que ten unha persoa cunha determinada enfermidade ou condición para desenvolverse na sociedade en igualdade de condicións, permitíndolle a entrada a unha serie de dereitos establecidos a través do certificado de discapacidade. 

COGAMI considera que o baremo actual quedou obsoleto, cuns criterios de valoración desfasados e coa existencia de condicións e situacións que non están sendo recoñecidas e que afectan, na súa maioría, á discapacidade orgánica, como ocorre con enfermidades reumatolóxicas, as que cursan con brote, as que causan fatiga e dor. Ao carecer estas da valoración de grao de discapacidade que debería corresponderlles, dificulta que as persoas que viven con estas patoloxías poidan levar unha vida axeitada. 

Non obter o certificado de discapacidade supón unha falta de adaptación curricular na educación, dificultades de acceso e mantemento de emprego, non poder acceder a prazas reservadas a persoas con discapacidade en oposicións, dificultades de acceso a certas prestacións económicas e a aparición doutras patoloxías por non ter recoñecidos certos síntomas provocados por patoloxías non incluídas no baremo.

O baremo actual non está adaptado á Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas porque ten un enfoque que se centra no individuo e nas súas limitacións, sen ter en conta os efectos e interrelacións entre a contorna social e a realidade biolóxica. O novo baremo suporá un modelo de dereitos humanos, un modelo social que contempla a interacción de cada persoa coa súa contorna e a prestación de apoios personalizados. 

“As persoas máis vulnerables precisamos respostas máis áxiles das nosas administracións”, apunta Anxo Queiruga. Por isto dende COGAMI, COCEMFE e o movemento asociativo reclaman ás administracións implicadas que axilicen o proceso para que as persoas teñan unha valoración adecuada á súa discapacidade e que lles permita acceder a dereitos e beneficios que tratan de compensar a falta de igualdade de oportunidades e o sobrecusto de ter discapacidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad