Trátase de Guadalupe Ordóñez, que desenvolve voluntariado no Concello desde 2016 a través do programa de Voluntariado Dixital que impulsa a Xunta de Galicia, e desde entón é a persoa dinamizadora TIC.
Guadalupe Ordóñez Torres, primeiro premio nacional da Fundación Esplai polo seu proxecto presentado á XII edición dos Premios Cidadanía Comprometida 2021 na Categoría de “Voluntariado contra a fenda dixital” e desenvolvido no Concello de Mos, foi homenaxeada onte pola tarde na Axencia de Colocación de Mos, onde realiza a maioría das súas accións de voluntariado. O acto de entrega de premios celebrarase o próximo día 8 de maio pola mañá, no marco da celebración do Foro, que é o principal evento que organiza Fundación Esplai e que, este ano, leva por título “Mocidade Comprometida coas persoas maiores”. O acto será virtual (igual que o ano pasado).
Guadalupe é traballadora de COGAMI e voluntaria no Concello de Mos. Ela está especializada nas Certificacións Microsoft Office Specialist e IC3 (mellora de competencias dixitais, para facilitar a mellora da empregabilidade), que se realizan no Concello de Mos, grazas a ela. De feito o 19, 20 e 21 de abril houbo unha 4ª quenda de certificación gratuíta convocada por Fundación Esplai, para a cal Guadalupe, preparou ás persoas interesadas en examinarse durante os días 27 e 28 de abril e 4 de maio. E os días 19 e 20 de maio, tamén impartirá un taller destinado a maiores para trámites electrónicos a través do móbil ou tablet.
O proxecto de Guadalupe Ordóñez, polo que foi premiada, está dirixido á alfabetización das persoas desempregadas, e á mellora de competencias dixitais de nivel básico e medio de persoas en procura activa de emprego. Ademais de accións que favorezan a diminución da fenda dixital. Co obxectivo de diminuír a fenda dixital do municipio, están a realizarse diversas accións polo Concello de Mos para achegar internet a toda a poboación como instalación de fibra dixital nas parroquias e programación de accións que faciliten a mellora de competencias dixitais, en todos os niveis. Por iso, e grazas a Guadalupe, voluntaria dixital desde o ano 2016, realízanse diversas accións como as dirixidas a persoas desempregadas para a mellora das súas competencias dixitais, para facilitar unha mellor empregabilidade, a través da formación e preparación das certificacións Microsoft Office Specialist e Expert, e tamén accións con nenos e nenas, a través de actividades relacionadas coa programación.
As súas accións están relacionadas coa mellora de competencias dixitais con colectivos de nenos e nenas, mozoso e mozas, maiores, persoas con discapacidade e persoas en desemprego. Desde o Concello de Mos destacan a traxectoria de Guadalupe como voluntaria e o seu compromiso continuado no tempo realizando accións para a superación da fenda dixital con colectivos que teñen especial dificultade e nunha contorna rural. Hoxe en día, se non tes un acceso ás tecnoloxías e capacitación dixital non podes ser parte activa da sociedade. As TIC necesítanse para todo.
As principais accións voluntarias que realiza son talleres, certificacións, sesións informativas para animar á que a xente participe en talleres TIC. Destacar a súa capacidade de liderado, e a súa personalidade que contaxia ilusión e ganas de aprender e capacitarse no mundo das TIC. É moi profesional e ten grandes capacidades para achegar as tecnoloxías e formar a persoas maiores, algo moi importante porque en Galicia hai unha poboación moi envellecida.
Guadalupe ten formación en tecnoloxías e profesionalmente ten experiencia como formadora. Chegou como voluntaria a Mos no ano 2016, a través do programa de Voluntariado Dixital que impulsa a Xunta de Galicia. Desde entón é a persoa dinamizadora TIC de Mos. Destaca o seu compromiso continuado e o seu ímpeto por axudar na superación da fenda dixital que moitas persoas sofren. Tamén destaca a súa proximidade, a súa maneira de achegar as tecnoloxías ás persoas, sobre todo ás persoas maiores. Guadalupe é unha persoa considerada de risco e durante esta época do Covid non quixo deixar o seu voluntariado. Foise adaptando ás circunstancias con actividades en liña e cando se puido continuou cos talleres presenciais (máis reducidos en número de horas, adoptando todas as medidas de seguridade, etc.). Especializouse en certificacións de Microsoft e, a través da Fundación Esplai, ao ser un centro Rede Conecta, Guadalupe prepara ás persoas que queren examinarse para certificar as súas competencias. Antes realizara outros labores de voluntariado en bibliotecas.