Redacción 27/04/2021

A Deputación aprobará este venres un investimento de 850.000€ para os 90 clubs deportivos da provincia que compiten a nivel nacional.

Por vez primeira estas achegas equiparan por completo os recursos e contías que reciben os clubs femininos e os masculinos de todas as modalidades deportivas asentados en 24 concellos da provincia

A Deputación aprobará este venres na Xunta de Goberno as axudas para os clubs deportivos federados que compiten no ámbito nacional, que destinarán 850.000 € entre 90 entidades de atletismo, baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol sala, fútbol, rugby, tenis de mesa, voleibol, judo e outras modalidades deportivas asentadas en 24 concellos da provincia. Este ano as achegas incrementáronse en 75.000 € con respecto ao ano pasado, un 9,7% máis, e beneficiaranse delas nove clubs máis que no 2020.

Por vez primeira estas achegas equiparan por completo os recursos e as contías que reciben os equipos femininos e os masculinos, de tal xeito que os clubs femininos e masculinos percibirán os mesmos recursos que abranguen entre os 25.000 € de contía máxima aos preto de 1.600 de contía mínima. A maior partida irá para os clubs de balonmán, con 225.000 € distribuídos entre 13 equipos; seguida dos de fútbol que recibirán 190.000 € a repartir entre 15 clubs. Un total de 6 equipos de baloncesto recibirán 110.000 € e 24 clubs de diferentes modalidades deportivas (bádminton, volei, natación, surf, baile, etc.) beneficiaranse de 109.000 € de axudas. Pola súa banda 13 equipos de ciclismo recibirán 90.000 €, oito de fútbol sala 35.000 €, dous de atletismo 24.000 €, cinco de tenis de mesa 22.000 €, dous de judo 18.000 €, un de voleibol 17.000 e outro de rugby 10.000 €.

Por comarcas máis de 450.000 € irán dirixidos a 46 clubs deportivos da comarca de Vigo pertencentes aos concellos de Vigo, Redondela, O Porriño, Nigrán e Mos; preto de 130.000 irán a 14 clubs da comarca de Pontevedra dos concellos de Pontevedra e Marín; máis de 110.000 € destinaranse a dez clubs da comarca do Salnés e zona de Arousa dos concellos de Vilagarcía, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Catoira e Cambados; máis de 60.000 € distribuiranse entre 6 equipos do Morrazo asentados en Bueu, Cangas e Moaña; máis de 45.000 € a 4 entidades deportivas das comarcas de Deza e Terra de Montes con sede en Lalín e A Estrada;  máis de 35.000 € a 6 equipos das comarcas do Condado e da Paradanta dos concellos das Neves, Ponteareas e A Cañiza e preto de 35.000 € a tres equipos da comarca do Baixo Miño asentados en O Rosal, Oia e A Guarda.

A Deputación incrementou para este 2021 ata un 4,1% as subvencións deportivas que superan en total os 2,6 millóns de €. Así, xunto ás axudas aos clubs de elite, que superan os 678.000 €, amais das dirixidas a clubs deportivos federados de ámbito nacional que van ser aprobadas este venres, están a piques de resolverse as subvencións ao deporte náutico, clubs de ámbito inferior a nacional e fútbol preferente. Amais, a Deputación mantén outra liña de apoio ao deporte a través das bolsas DepoDan e DepoPromesas, para as que xa se poden solicitar ou renovar as categorías, e unha liña de axudas para a organización de actividades e eventos deportivos. En total, este ano serán 3,1 millóns de € os recursos que a Deputación achegará ao fomento do deporte na provincia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad