O ciclismo da Louriña recuperará a celebración desta proba que se vai celebrar o 8 e 9 de maio e consta de tres etapas nos concellos do Porriño, Mos e Ponteareas
O ciclismo da bisbarra volverá ás estradas cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”.
A proba terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos a día de hoxe.
En 2020, a “Challenge” celebrouse nas súas datas habituais de finais de febreiro, é dicir antes da declaración da pandemia.
O vindeiro xoves 29, ás 12.00 h, terá lugar na praza do Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello do Porriño, a presentación da edición deste ano nunha roda de prensa na que participará o concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso, xunto cos seus homólogos dos concellos de Ponteareas e Mos, xa que cada un destes concellos albergará unha etapa da “Challenge”.
Á presentación tamén asistirá Gorka Gómez, deputado de Deportes, en representación da Deputación Provincial.