As subvencións municipais para as comunidades de augas de consumo do Porriño pecha data o vindeiro luns 3 de maio
O Concello do Porriño informa de que o prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse das subvencións municipais ás comunidades de auga potable, que este ano 2021 teñen un importe total de 95.000 €, rematará o vindeiro luns 3 de maio.
A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.
O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución -cando non superen os 20 m-, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.
Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 € por asociación.
No ano 2020 repartíronse un total 59.976 € nas achegas municipais que acadaron 10 comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.