A proxección do filme “Capitáns de Abril” abre a fin de semana que conmemora a Revolución dos Cravos
Durante o mes de abril, a Concellería de Cultura dirixida por Cami Moreira, programa actividades sobre a represión franquista e a Revolución dos Cravos
Revolución dos Cravos
Os actos comezan o venres coa proxección do filme “Capitáns de Abril”, de María de Medeiros, no Centro Cultural Municipal ás 19.00 h.
O propio domingo 25 de abril, a partir das 12.00 h, repartiranse caraveis e postais conmemorativas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios. Haberá música ambiental con cancións de José Afonso. “Queremos poñer en valor o que significou a Revolución dos Cravos, na que o levantamento militar e popular derrocou a ditadura en Portugal. Un feito histórico que sempre foi vivido con proximidade e afecto polo pobo galego”, sinalou Cami Moreira.
A pasada semana tamén se levou a cabo un acto de lembranza da represión franquista.
No contexto do 90 aniversario da proclamación da II República e baixo o lema “Non deixemos a memoria soterrada nas foxas”, familiares das vítimas do alzamento do 36 e xente vinculada á memoria do Porriño e da contorna, deron lectura a parágrafos dos libros “Un cesto de mazás”, de Montse Fajardo; “Non des a esquecemento”, de Luis Bará; e “O Porriño 1936”, de Xosé Ramón Paz Antón. Contouse coa presenza das propias persoas autoras.
Este acto pretende ser o inicio de outros que, dirixidos á recuperación da memoria histórica, está a impulsar a Concellería de Cultura do Concello do Porriño, como o proxecto de realizar un documento sonoro recollendo a narración das persoas que viviron a dura represión franquista.