Redacción 15/04/2021

Dará comezo o vindeiro martes 20 de abril cunha conferencia ao mes para afondar no coñecemento desta ruta xacobea

 

 

O Concello de Tui continua avanzando no impulso de iniciativas a prol do Camiño Portugués ao entender que esta ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do concello. Neste senso pon en marcha unha iniciativa denominada “Foro do Camiño Portugués” co obxectivo de realizar cada mes unha charla sobre temáticas xacobeas relacionados coa peregrinación polo Camiño Portugués. Trátase dunha sesión presencial pero retransmitida en liña, en tui.gal,  para favorecer o acceso de todos os interesados.

Este ciclo comezará o próximo martes, 20 de abril, ás 19 h na Aula Cemit, no edificio Francisco Sánchez – antiga Área Panorámica – . O responsable da apertura deste foro será Juan Manuel López-Chaves Meléndez, fundador da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo. López Chaves foi, entre outras moitas iniciativas, o organizador en Tui en 1984 do primeiro Encontro do Camiño Portugués e foi o promotor do recoñecemento do Camiño polo Consello de Europa nese mesmo ano 1984, ao aprobar a `recomendación 987´sobre o Camiño Francés, antecedente da declaración do Camiño de Santiago como “primeiro itinerario cultural europeo”. Con esta conferencia de apertura do “Foro do Camiño Portugués” o Concello de Tui quere renderlle un merecido e sinxelo recoñecemento.

O aforo para asistir presencialmente é limitado polo que é preciso realizar inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- no correo electrónico: biblioteca@tui.gal. A conferencia poderá seguirse en director en tui.gal.

O Concello de Tui, sinala o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, está traballando con intensidade dende hai tempo na promoción do Camiño de Santiago polo noso territorio. A creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis de1700 amigos, etc son mostra deste empeño. Algunhas actuacións quedaron interrompidas pola pandemia, outras se mantiveron adaptándose ás novas circunstancias. Laureano Alonso sinala que esta iniciativa de creación do “Foro do Camiño Portugués” inxírese na vontade do Concello de Tui de prepararse para o escenario post-covid no ámbito da peregrinación xacobea levando adiante novas iniciativas que contribúan ao posicionamento do Camiño Portugués e de Tui cara ao futuro.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad