Trátase dun obradoiro pola igualdade e a perspectiva de xénero
A concelleira de Igualdade do Concello do Porriño, Cami Moreira, asistiu hoxe no IES Pino Manso, ao inicio do obradoiro pola igualdade, chamado “Arreglando letras” que desenvolve a soprano Esperanza Mara. Trátase dunha iniciativa educativa sobre a perspectiva de xénero na música, promovida polo Concello do Porriño destinada a un público xuvenil, dos centros de ensino secundario CPR Hnos. Quiroga, CPR Sto. Tomás, IES Ribeira do Louro e IES Pino Manso. A actividade ten lugar en horario lectivo.
A concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística, explicou que “a música, como elemento cultural fundamental de gran consumo por parte da mocidade, non pode illarse do debate sobre a desigualdade e as violencias de xénero. A música, pola súa capacidade de influencia, pódese converter nunha importante ferramenta educativa, á vez que gozamos dela”.
Partindo desta premisa, a soprano Esperanza Mara propón unha alternativa didáctica para sensibilizar da gravidade da normalización de condutas e estereotipos presentes en diferentes xéneros musicais, fomentando un consumo crítico e consciente entre a xente nova.
Esperanza crea, co alumnado da ESO, espazos de debate e análise colaborativa sobre letras de cancións cunha linguaxe de odio, menosprecio ou que inciten a patróns de condutas sexistas; e así realizar unha reflexión crítica sobre a apoloxía da cousificación da muller, os estereotipos violentos e machistas, mesmo desvelando aqueles aspectos que poden pasar desapercibidos pero están presentes, incluso dende a nosa infancia.
A metodoloxía do obradoiro céntrase no “learning bydoing”, dótase ao alumnado de ferramentas creativas para mudar a realidade dun xeito participativo e activo, fomentando a súa implicación en termos de igualdade e inclusión, onde están presentes recursos de composición musical básicos cos que os participantes poden complementar a súa formación académica.