O PP sostén que a ampla rede de estradas da Deputación, hoxe moi deteriorada, se está en boas condicións lonxe de constituír un problema é unha oportunidade para ofrecer mellores servizos aos lucenses, impulsar o desenvolvemento económico e loitar contra o despoboamento
● A presidenta provincial do PP, Elena Candia, acompañou aos rexedores para mostrar o respaldo do partido as reclamacións de mellora das vías e un uso da maquinaria da Deputación segundo criterios de necesidade e de xustiza, á marxe do sectarismo político que practica o goberno presidido por Tomé
● O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, manifestou que o sectarismo político da Deputación queda de manifesto nos investimentos e nas obras
● Os populares piden a saída de Tomé da delegación de Vías e Obras pola evidente mala xestión e pola falta de equidade, xa que non se rexe por criterios técnicos e de necesidade, senón polas cores políticas; tamén pola falta de respecto aos alcaldes do PP
● O alcalde de Friol, José Ángel Santos, sinalou que “nunca tan mal estiveron as estradas provinciais e é debido a inoperancia do goberno da Deputación, a pesar, ou quizá debido a elo, de que o propio presidente é, a súa vez, delegado de Vías e Obras”
Os alcaldes populares da provincia, acompañados, entre outros, pola presidenta do PP de Lugo, a deputada Elena Candia, así como por deputados e senadores participaron esta mañá nunha rolda de prensa diante da Deputación, para poñer de manifesto o sectarismo co que opera o goberno provincial á hora de reparar as estradas provinciais e de ceder maquinaria aos concellos lucenses.
Neste acto, os populares reclamaron unha vez máis un plan de estradas, similar ao pactado no seu día entre Elena Candia e o socialista Darío Campos para o período 2017-2019, e pediron a dimisión ou destitución de José Tomé (presidente da Deputación) como delegado de Vías e Obras.
A presidenta provincial do PP, Elena Candia, deputada autonómica, indicou que coa súa presenza o partido mostra o respaldo aos concellos, acompañando aos alcaldes, os seus máximos representantes. É un respaldo, apuntou, fronte ao agravio ao que están sendo sometidos polo goberno provincial, que desenvolve unha estratexia de clientelismo e sectarismo político.
Pola súa parte, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, manifestou: “Como voceiro do Partido Popular teño que dicir que o obxecto desta concentración de alcaldes do PP en San Marcos é o cansazo polo proceder do delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, e queremos que sirva como chamada de atención ao equipo de goberno da Deputación”. Engadiu: “Facémolo con estes cascos coas cores da Deputación, que, por selo, son as cores de todos os concellos, aínda que por desgraza na práctica non está sendo así, porque hai discriminación”. Indicou: “Onde máis se nota é nos investimentos e nas obras; hai un sectarismo clarísimo por cores políticas, e non en función das necesidades, como debera ser”.
Castiñeira declarou: “Pedimos a dimisión ou destitución, por parte do presidente Tomé, do delegado de Vías e Obras, o señor Tomé. Pedímolo por tres razóns: a mala xestión, que é evidente; a falta de equidade, que denunciamos, porque non se rexe por criterios técnicos e de necesidade, senón polas cores políticas; e, o máis grave, a falta de respecto aos nosos alcaldes, que reclaman o mellor para os seus veciños e teñen que escoitar do delegado de Vías e Obras improperios que non son admisibles”.
Para Castiñeira, “a mala xestión é evidente; comprobármola nas múltiples visitas que fixo o grupo provincial pola rede viaria da provincia, que está chea de fochancas e de falta de seguridade, con trazados sinuosos, estreitos e perigosos”. Tamén é unha comprobación feita “polas reclamacións por danos en vehículos que están a chegar diariamente á Deputación de Lugo, e, sobre todo, polas denuncias dos alcaldes, dos seus veciños e das asociacións que demandan, ben por carta ou nas redes sociais, o arranxo das moitas estradas en mal estado”.
O portavoz popular lembrou que “no pleno pasado presentamos unha proposta para a elaboración e execución dun plan de estradas similar ao que pactaron no seu día Darío Campos e Elena Candia (2017-2019), equitativo, con criterios obxectivos; foi votado en contra polo goberno (PSOE e BNG)”. Engadiu: “Non nos valen as desculpas que dá o delegado de Vías e Obras, o señor Tomé. Dicir, como di, que temos a rede máis extensa da península non é dicir nada; iso non é un problema. Temos que ver esa circunstancia como unha oportunidade, unha solución contra o despoboamento e a maneira de aproximar aos nosos veciños a mellores prestacións, aos colexios, aos servizos sociais, ao deporte, á cultura, etcétera”. Aclarou: “Tampouco estamos de acordo coa afirmación feita por Tomé nun pleno na que dicía que non se podían ensanchar as estradas provinciais porque non hai poboación; foi unha metedura de pata sen parangón. É xusto ao revés, o que motiva que a poboación queira asentarse no rural é, como peza fundamental, ter boas comunicacións”.
Os populares avisan de que non permitirán “que o delegado de Vías e Obras insulte aos nosos alcaldes, como aos de Carballedo e Paradela, que tiveron que escoitar de Tomé como dicía que provocan aos veciños ou que os vehículos escolares se meten nas fochancas por culpa do PP”. Castiñeira puntualizou que “os alcaldes defenden aos seus veciños e merecen o máximo respecto; non son caprichosos e os vídeos testemuñan a realidade das estradas con fochancas, a realidade que viu o PP, que se pateou a provincia, algo que debería facer o presidente da Deputación”.
Igualmente, Castiñeira pediu a Tomé que “respecte os pactos que tiña o seu antecesor, o señor Darío Campos, porque hai protocolos que se romperon como o de Xove”. Dixo tamén: “Este sectarismo non é positivo. Agora mesmo, o señor Tomé non é o adecuado para dirixir esta delegación tan importante, quizá a máis importante para manter as estradas provinciais no mellor estado posible e con boa relación cos 67 concellos da provincia”.
A súa vez, o rexedor de Friol, José Ángel Santos, en representación dos alcaldes populares, centrou a súa intervención na crítica ao uso sectario e de clientelismo político que fai o goberno da Deputación da maquinaria do Parque Móbil Provincial. Nesta liña, destacou que moitos alcaldes do PP saben que a Deputación ten maquinaria de obra, pero levan anos sen vela intervir nos seus respectivos territorios.
Santos aludiu ás recentes respostas que o goberno da Deputación deu a preguntas do grupo provincial do PP. Nunha delas, os populares interesáronse por coñecer canto tempo dedicaron as máquinas da Deputación aos concellos nos que operaron. Lembrou que o goberno asegurou que non tiña tal información. “Fronte a esta resposta hai varias posibilidades. Unha, que o goberno minta; dúas, que diga a verdade, o que demostraría unha pésima xestión dos recursos provinciais; e, o que resulta máis posible, que diga parte de verdade e parte de mentira”.
Santos destacou que as estradas en mal estado, e moitas das de Deputación están desfeitas, constitúen un risco para a seguridade do tráfico. Por outro lado, supoñen serios problemas para as empresas, que ven dificultada a mobilidade, con todo o que iso implica.
“Se queremos que o rural teña futuro, se pretendemos frear o despoboamento, está claro que é imprescindible ter boas vías de comunicación. Noutro caso, nin as empresas teñen interese nin os particulares queren vivir nun ámbito mal comunicado. É curioso que a Deputación venda supostos planes para frear o despoboamento e ao mesmo tempo teña abandonadas as estradas, que son unha peza clave para evitar o despoboamento e dinamizar a economía”.
O alcalde de Friol dixo tamén que os máis afectados polo uso sectarista e clientelista que fai a Deputación da súa maquinaria son os concellos máis pequenos, que carecen de maquinas propias e apenas teñen recursos económicos para contratalas. Santos concluíu sinalando que “nunca tan mal estiveron as estradas provinciais e é debido a inoperancia do goberno da Deputación, a pesar, ou quizá debido a elo, de que o propio presidente é, a súa vez, delegado de Vías e Obras”.