GOC -a través da firma Proínte- é a empresa contratada polo ADIF para facer as catas que determinen a xeoloxía do terreo para o proxecto
A alcaldesa Eva García autorizou hoxe á empresa “GOC Consultoría e Ingeniería” a executar as catas e sondaxes precisas para o proxecto de supresión do paso a nivel en O Porriño.
Tratase do estudo xeotécnico a incluír no proxecto construtivo que acomete o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF). “GOC” foi a adxudicataria en unión temporal de empresas coa firma “Proínte” para a redacción do devandito proxecto.
Segundo a documentación presentada pola adxudicataria, o obxectivo é determinar a estrutura xeolóxica dos terreos, tanto na área do paso a nivel a suprimir como ao longo dos posibles puntos onde sexa construída a nova estación do ferrocarril, xa sexa ao norte ou ao sur do Porriño. Actualmente, os redactores do proxecto están a valorar ata seis alternativas diferentes.
Os traballos xeotécnicos a desenvolver, que comezarán a longo deste mes de abril e durarán como máximo dous meses, consistirán en ensaios, catas e sondaxes tanto na vía do tren como nos terreos lindantes e tamén nas estruturas atravesadas polo trazado que poderían terse afectado polo proxecto que se decida.
A alcaldesa manifestou hoxe que “é unha nova fantástica xa que é a primeira vez que se chega tan lonxe nesta arela da veciñanza para acadar a eliminación do paso a nivel polo centro do Porriño”. O inicio das catas amosa, segundo Eva García, “a normalidade coa que se traballa no Concello pois máis aló do balbordo político, estamos a xestionar con tranquilidade e as cousas avanzan razoablemente ben, para transformar Porriño nunha vila moderna e alegre”, rematou a rexidora.