O secretario xeral provincial, David Regades, expresa o apoio “total e absoluto, por pura humanidade” coa reclamación realizada pola Federación Alzhéimer de Galicia
As persoas con alzhéimer que acoden diariamente aos centros de día para os seus tratamentos deben de ser vacinadas coa máxima urxencia. Resulta incomprensible e inadmisible que aínda non foran incluídas entre os colectivos de máximo risco e non se lles teña dado a prioridade que merecen. Así se expresa o secretario xeral das/os socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades, quen recalca o apoio do PSdeG-PSOE á petición realizada en días pasados pola Federación Alzhéimer Galicia (Fagal).
As/os socialistas consideran que a vacinación deste colectivo é urxente, dado que moitas familias temen, con razón, que se podan contaxiar ao acudir aos centros de día, o que está provocando unha menor asistencia.
Esta circunstancia, como rebote, produce a aceleración do deterioro cognitivo das persoas enfermas que deixan de recibir os seus tratamentos terapeúticos, así como unha maior carga para as propias familias.
O PSdeG-PSOE da provincia lembra que as persoas con doenzas neurodexenerativas presentan un maior risco e morbilidade fronte á COVID19. A Estratexia Nacional de Vacinación publicada o pasado mes de decembro polo Grupo de Expertos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde así o establece expresamente, chegando a calcular nun 30% a maior incidencia da enfermidade neste colectivo.
David Regades lamenta especialmente que a carta enviada dende Fagal ás Consellerías de Sanidade e Política Social o pasado día 24 non tivo aínda resposta co anuncio da vacinación inmediata deste colectivo, o que demostra o desinterese da Xunta por resolver un tema “da máxima sensibilidade”.