Pereira informou de encontros coa diretiva da Asociación de Veciños San Benito San Sebastián e con Acipor informando das obras, sen contar con todos os afectados alentando o seu malestar
A humanización da rúa Manuel Rodríguez no barrio de San Benito non contempla o paso de vehículos. Así o confirmaba esta mañán o concelleiro de Urbanismo e portavoz do BNG, Pedro Pereira, unha vez aprobado o proxecto con cargo ao Plan Concellos e ao Plan Ágora, da Deputación de Pontevedra.
Pedro Pereira aclarou a este medio que se reuníu tres veces, dúas coa directiva da Asociación de Veciños San Benito San Sebastián, e unha con comerciantes asociados a Acipor para informar das obras. O concelleiro do BNG comprometeuse con estes colectivos a dar solución ás demandas de espazos para carga e descarga, parada rápida e aparcamento.
Dende a Asociación de Veciños de San Benito San Sebastián, a directiva mantivo unha consulta na que suxeriron a Pedro Pereira un encontro informativo con todos os veciñ@s e establecementos da zona. No que ao concelleiro respecta, agardan que cumpra co dito, cousa que ata o de agora non fixo, polo que a asociación veciñal manifesta que sempre van a estar do lado da maioría dos veciños.
Dos comerciantes consultados na rúa afectada en cuestión, a excepción da abstención dun deles, todos están dacordo nunha humanización coma no tramo antrior da mesma rúa, pero non dunha rúa peonil como se pretende, pois atopan un grave perxuizo económico para o seu sustento que lles acabará levando ao peche dos seus establecementos.
Pereira iniciou tamén contactos coas persoas propietarias das parcelas de terra onde están a aparcar vehículos na rúa Leandro Diz; pois a idea é pavimentar e acondicionar esta explanada, hoxe en mal estado, para poder contar na zona cun gran aparcamento gratuíto en superficie.
“Desde o Bloque defendemos que a rúa sexa peonil para gañar espazos para o lecer da veciñanza e axudar a reactivar económica e socialmente os barrios históricos de San Bieito e San Sebastián. O compromiso do BNG coas humanizacións vén de lonxe no Porriño e forma parte fundamental do noso programa de goberno. Iniciamos no seu momento a humanización do centro urbano e agora que temos de novo responsabilidades en Urbanismo as zonas peonís avanzan”, afirmou Pedro Pereira.