Suporá un investimento de 117 mil euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación
Nos próximos días darán comezo as obras de acondicionamento da ruta peonil e vía ciclista na Veiga do Louro. O Concello de Tui adxudicou as obras por importe de 117.276,09 €, financiados con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación.
A actuación proxectada abranguerá case 1,5 quilómetros dende a intersección coa Ponte Romana até a rotonda situada na PO-404. Sitúase nunha zona moi transitada e que da acceso tanto a senda Tui-Caldelas coma á praia de Areeiros en Guillarei.
O proxecto a executar consiste no acondicionamento da ruta peonil e vía ciclista no marxe esquerdo co obxectivo de acondicionar e mellorar a ruta existente. Por unha banda contémplase a substitución do actual bordillo de separación entre a calzada e a zona peonil e ciclista por un elemento continúo e sen aristas vivas. Deste xeito mellorarase a seguridade xa que o actual sistema supón certo risco para os usuarios ao presentar aristas vivas e separación entre pezas.
Por outra parte co obxectivo de mellorar a seguridade vial os pasos de peóns existentes serán substituídos por outros elevados e con iluminación intelixente para facilitar a súa percepción polos vehículos. Amais crearase un novo que facilitará o tránsito cara á praia de Areeiros. Tamén serán colocados redutores de velocidade.
A actuación a realizar contempla a creación de zonas de descanso e sombra. Para iso incrementarase o número e superficie dos alcorques onde se plantará hedra para aportar sombra. Crearase un banco de formigón corrido con superficie de ladrillo cerámico de cor vermello. A zona delimitarase cunha pérgola metálica con iluminación led empotrada nos perfís superiores, para lograr así a iluminación indirecta do lugar.