Redacción 25/03/2021

Mos aplaude ao Subcampión Galego de Karting 2020, Manuel Sío, un mosense de tan só 7 anos. A primeira vez que se presentou á competición autonómica, con 4 anos, conseguíu o posto de Campión Galego.

 

Esta tarde celebrouse nos exteriores do Multiusos das Pozas a recepción ao piloto de karting, Manuel Sío Pazó, cativo mosense da parroquia de Guizán, que chegou ao acto na súa honra perfectamente equipado coa indumentaria e material de protección de piloto e acompañado do seu inseparable recén estreado kart e os dous últimos trofeos, acadados a finais do pasado ano 2020. Manuel Sío contou co apoio e a compañía da súa familia, da súa irmá Sabela e dos seus pais Noelia Pazó e Manuel Sío. Na recepción estiveron presentes representantes do Concello e do Pleno. 

Manuel Sío Pazó, de 7 anos de idade, é Campión Galego Benjamín Karting 2018, Subcampión do Campionato Karting Series Galicia 2018 e 2019, Subcampión Galego Karting 2020 e 3º Clasificado do Campionato de Castela e León 2020. Empezou a conducir un kart con 3 anos e con tres anos e medio quedou terceiro clasificado na súa primeira competición que disputou en Ponferrada. 

A súa nai, Noelia, conta con orgullo a breve pero intensa historia deportiva do seu pequeno: “sempre lle gustaron moito os coches como ao seu pai e ao ver a gran afición que tiña, entre toda a familia, pais, avós e bisavós regalámoslle o seu primeiro kart de gasolina con 3 anos. Onde llo compramos suxeríronnos un circuito en Monforte onde realizou as súas primeiras probas e adestramentos, e con 3 anos e medio chegou a súa primeira carreira en Ponferrada, onde xa quedou terceiro clasificado. Desde entón xa continuou adestrando no ciucuíto de Porriño e con 4 anos comezou a competir no Campionato Galego, quedando Campión Galego da Categoría Benxamín a primeira vez que se presentou”, explica. 

Manuel non pertence a ningún equipo polo que a súa familia asume tódolos gastos derivados da práctica e competición neste peculiar deporte para un neno tan pequeno, polo que lles están moi agradecidos aos patrocinadores que deron o sei apoio. Ante as próximas competicións para este 2021, que serán o Campionato Galego e o de Castela e León, Manuel e a súa familia son optimistas e teñen boas expectativas. Aínda que cambia de categoría pola idade pasando de Benxamín a Alevín, o que implica tamén correr cun novo coche, máis grande e con maior potencia.

Manuel vive o seu deporte e os seus éxitos deportivos con moita normalidade e considera amigos aos seus rivais na pista. A súa nai asegura que é pouco competitivo e ante a pregunta de se non ten medo coa práctica deste deporte comenta que “ao principio dábame máis medo porque era moi pequeno, pero agora ao comprobar o ben que conduce estou máis confiada, ademáis de que vai moi ben preparado, equipado e protexido”, asegura. 

Cos Sío Pazó cúmprese o dito de que a familia que fai deporte unida permanece unida, porque o pai de Manuel, de nome Manuel tamén, é o mecánico do pequeno piloto, encárgase da mecánica do seu kart de competición.  Familia consideran eles tamén á que fan no circuito, comenta Noelia, cos familiares, pais e nais, dos demais pilotos. “É un deporte peculiar para cativos pero ao ser un mundo tan diferente representa unha experiencia moi enriquecedora para eles”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad