Redacción 25/03/2021

Gala do Turismo con 7 estrelas Michelin.

Onte celbrouse no Auditorio Mar de Vigo a Gala do Turismo da Deputación de Pontevedra. 

A presidenta da Deputación Carmela Silva, que amosou o seu agradecemento pola presenza de representantes de ata 42 concellos da provincia de Pontevedra no auditorio Mar de Vigo, destacou a importancia do sector turístico ao que converteu no verdadeiro protagonista da gala: “Hoxe queríamos facervos un recoñecemento porque este foi un ano moi duro e somos moi conscientes. É o momento de amosarvos todo o noso apoio. Sentímonos moi orgullosas de todas e de todos vós, do voso grande talento e compromiso”. Pero tivo tamén palabras a presidenta para trasladar unha mensaxe de optimismo asegurando que “este territorio é marabilloso pero non sería nada sen a súa xente, sen o seu compromiso e o enorme esforzo que facedes. Temos que ter moita fortaleza, moito ánimo. Moi pronto chegará a normalidade e será o momento de dar o gran pistoletazo de saída a este sector tan potente. Volveremos recuperar a actividade, sairemos máis fortes e mellor posicionadas e posicionados porque a provincia ten moita capacidade para reinventarse, conta con persoas con moitas ideas, que non quedan de brazos cruzados e están ao día para poñer en marcha proxectos brillantes”. 

E, mirando cara adiante, a presidenta destacou o modelo turístico da Deputación que aposta pola sustentabilidade, a dixitalización, a internacionalización e a calidade. Ao respecto, Silva amosou o seu orgullo polos 136 distintivos SICTED que acadaron os establecementos da provincia e que seguen a situar á provincia como líder no conxunto do Estado: “hai unha implicación e compromiso total coa calidade e moito traballo diario para ser máis competitivas/os”, destacou. E, neste mesmo ámbito, brillan as estrelas Michelin da provincia que foron nomeadas, durante a Gala, como as novas/novos embaixadoras/es da provincia de Pontevedra: “Eles e elas son a imaxe de excelencia de toda a cadea de valor que forma parte da nosa gastronomía”, asegurou Silva. 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o proxecto colectivo da Deputación para lanzar un “destino marabilloso e único, un territorio excepcional”. Subliñou que “somos unha zona de referencia, un lugar extraordinario, que ten algo inigualable: a xente, as mulleres e homes da provincia que nos transforman nun lugar de acollida. Cando alguén vén e nos visita atópase cun territorio fantástico e unha xente única”.  Amais de enxalzar o destino, tamén tivo palabras o alcalde para empatizar co sector turístico: “quero darvos un abrazo moi forte porque estades a pasar un momento moi difícil pero hai que ser optimistas: imos ter un verán mellor que o do ano pasado e aquí, en Vigo, no Nadal, conto con millóns e millóns de persoas”. 

En representación dos sete restaurantes con Estrella Michelin da provincia, Pepe Vieira e Amaranta Rodríguez, agradeceron á Deputación de Pontevedra “este nomeamento como embaixadoras/es deste pequeno grande paraíso que son as Rías Baixas”. Tamén aproveitaron a ocasión para enxalzar que a gastronomía da provincia “non soamente é produto senón que detrás hai homes e mulleres que fan que a gastronomía sexa o que é, e que a día de hoxe o están a pasar mal”. Neste eido, as novas e novos embaixadoras/os pediron “altura de miras para saír desta situación e que entre todas e todos construamos a hostalaría e o turismo do futuro”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad