O Concello mosense recibiu unha carta asinada polo alumnado convidándoo a participar e axudarlles nunha iniciativa que forma parte do programa da Unión Europea eTwinning.
Coincidindo co Día Mundial da Auga, o Concello de Mos recibiu onte unha carta do alumnado de 4º B de Primaria do Colexio de Pena de Francia para pedirlle a súa axuda na participación da clase no proxecto europeo eTwinning contra o cambio climático. Algunhas das ideas propostas por estes cativos para frear o cambio climático son non malgastar a auga corrente, non desfeitar de xeito inapropiado o lixo común nin as mascarillas, reciclar e reutilizar, entre outras.
eTwinning é a comunidade de centros escolares de Europa. Ofrece unha plataforma aos equipos educativos (profesorado, equipos directivos, persoal de biblioteca, etc.) dos centros escolares dos países europeos participantes, para comunicarse, colaborar, desenvolver proxectos, compartir ou o que é o mesmo: sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa. eTwinning está cofinanciado e forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte.
Incluíndo aos do mosense CEIP Pena de Francia, a rede eTwinning está integrada por un total de 918.886 profesores/as, 217.277 centros escolares e 120.362 proxectos. O alumnado da clase de 4º B do Colexio Pena de Francia pediron mediante carta a colaboración do Concello para poder levar a cabo o seu proxecto no municipio e “facer realidade o noso soño de loita contra o cambio climático”, como eles mesmos din na súa carta.
Entre as peticións dos rapaces figuran iniciativas para ser aplicadas en Mos. Algunhas das suxerencias son “máis puntos limpos para a recollida de obxectos contaminantes, charlas medioambientais nos centros educativos, instalación de placas solares, saídas colectivas para limpeza de montes e zonas verdes, fomento do uso de medios informáticos e electrónicos para reducir o uso de papel, fomentar o uso de bolsas de papel e tea, así como de composteiros nos fogares e de vehículos eléctricos, reducir o consumo de plástico”. O Concello realizará unha xuntanza próximamente con estes 13 estudantes e a súa mestra, afin de pór en marcha as iniciativas propostas que aínda non se atopen activas e mellorar en todo o posible as xa existentes para “facer”, tal e como din os nenos na súa carta, “do noso Concello un lugar máis limpo e sostible, e que siga a ser un lugar agradable e bonito”.