O Concello de Mos emite un comunicado onde acusa aos comuneiros de “manipular” e querer impor subas de até o 1000% sobre o canon que pagan as empresas do polígono de Monte Faquiña, provocando a destrución de “700 empregos”. A Comunidade de Montes, cuxos dereitos de propiedade sobre os terreos foran restituídos por resolución xudicial contra o Concello en 2016, desminte todas as acusacións: a maior parte das empresas xa subscribiron un contrato até 2031.
O Concello de Mos emitiu esta semana un comunicado onde lanza graves ataques contra a Comunidade de Montes de Tameiga, a raíz da iniciativa desta de constituír un Comité Consultivo para o Polígono de Monte Faquiña co obxectivo de crear un espazo de diálogo e colaboración constante entre as empresas e a Comunidade propietaria dos terreos. O Concello acusa aos comuneiros de promover unha “manipulación” para “lavar a cara” e acúsaos de quere impoñer unha suba do 1000% ao canon que pagan as empresas do polígono, forzando o traslado desas empresas e a perda de “700 postos de traballo”. Á vez, o Concello asegura que “notificou” o seu rexeitamento a participar no comité “tras recibir a convocatoria”, e critica a suposta composición de tal órgano na que os empresarios estarían “en clara minoría representativa”.
A Comunidade de Montes, pola súa banda, nega todas as informacións e as acusacións lanzadas polo Concello. Aseguran que nunca foi extendido o convite ao goberno local e que a mesa de diálogo, cuxa primeira toma de contacto tivo lugar esta semana, está composta pola veintena de empresas que desenvolven as súas atividades nos terreos comunais do polígono de Monte Faquiña. Destas empresas, informan desde a Comunidade de Montes, a maioría posúe un contrato, renovado recentemente, e en vigor até 2031.
Porén, tres das empresas teñen un contrato que finaliza este ano, e segundo as informacións achegadas a este diario polos comuneiros de Tameiga, a súa pretensión é renovar a concesión por 25 anos mantendo as mesmas condicións que actualmente. A Comunidade pretende formalizar un novo contrato para que estas empresas poidan continuar coa súa atividade, sempre que se apliquen as mesmas condicións que ao resto das concesionarias que aceptaran a actualización dos prezos.