Redacción 18/03/2021

Na edición deste ano haberá nove categorías de premios dirixidos a mozas e mozos empadroadas/os na provincia

 

 

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de lanzar os V Premios da Xuventude que este ano repartirán un total de 32.000 € entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade, co obxectivo de promover todo o talento, creatividade e potencial da xente nova, estimular e recoñecer a súa traxectoria, esforzo e compromiso para acadar unha sociedade máis igualitaria, sostible e xusta. Coa publicación das bases hoxe no BOPPO, o prazo de presentación dos proxectos abrirase o próximo luns 22 de marzo e estenderase ata mediados de xuño.

 

Nesta edición haberá 9 categorías (iniciativa social, empresarial, educación en valores, contido dixital, música, literatura, banda deseñada, fotografía e deseño e moda), ás que se poderán presentar mozas e mozos de entre 16 e 35 anos. En iniciativa social premiaranse aos tres mellores proxectos (2.000 €, 1.250 € e 750 €) xestionados de maneira autónoma por persoas que sexan integrantes dunha entidade do ámbito social e que leven, ao menos, un mes en funcionamento. En canto á categoría de iniciativa empresarial valoraranse as iniciativas (2.000 €, 1.250 € e 750 €) que teñan un maior impacto e proxección. A mesma contía e número de premios terá educación en valores, á que se poderán presentar proxectos executados nos cursos 19/20 ou 20/21, nos que participou alumnado de entre 12 e 18 anos para promover a igualdade, rachar cos estereotipos sexistas e a desigualdade de xénero, previr a violencia machista, impulsar o compromiso social da mocidade, loitar contra o cambio climático e fomentar valores como a tolerancia, o respecto e a non violencia.

 

A categoría de banda deseñada contará con tres premios (1.000 €, 600 € e 400 €) para as mellores e máis orixinais obras de temática e estilo libre, en cor ou en branco e negro, con ou sen textos en galego ou castelán, cunha extensión de entre 2 e 5 páxinas. Os mesmos premios (1.000, 600 e 400 €) distribuiranse na categoría de deseño e moda á que se poderán presentar proxectos orixinais e inéditos de deseño de artesanía, xoiería, téxtil e complementos de moda.

 

As categorías de contido dixital, traballo musical, traballo literario breve e fotografía orixinal contarán con dúas modalidades que repartirán, á súa vez, tres premios de 1.000, 600 e 400 € para os mellores traballos. Na categoría de contido dixital as modalidades serán contido audiovisual (proxectos audiovisuais de actualización frecuente, participativos e con dez entradas editadas como mínimo) e weblog (proxectos web con tamén dez entradas editadas). Premiaranse os tres mellores de cada modalidade que promovan a educación en valores, a transmisión de coñecemento ou difusión de iniciativas sociais, culturais, deportivas, medioambientais ou a prol da igualdade.

 

Pola súa banda as modalidades de traballo musical serán música clásica e outros xéneros, cada unha delas con tres premios de 1.000 €, 600 € e 400 €. Neste caso valoraranse os mellores temas orixinais, instrumentais ou con letra, con entre 1 e 5 minutos de duración. No caso de traballo literario breve as modalidades serán narrativa e poesía e premiaranse relatos de temática de estilo libre, en galego ou castelán, orixinais, con ata 5 páxinas, que empreguen correctamente a gramática e o uso de figuras retóricas e literarias. Finalmente, a categoría de fotografía orixinal contará coas modalidades de serie fotográfica (conxuntos de entre 3 e 10 fotos orixinais relacionadas entre si) e fotografía e valorará ás mellores imaxes de temática libre, inéditas, orixinais e en branco ou negro ou en cor.

 

As iniciativas que se presenten serán valoradas de xeito totalmente anónimo, para garantir a obxectividade no proceso. En todas as modalidades premiarase a orixinalidade, creatividade, claridade, concreción e innovación da iniciativa, ademais da súa proxección e impacto. Tamén se terán en conta que aposten por promover a igualdade, a inclusión social, a economía circular e a eliminación de residuos.

 

O ano pasado un total de 34 mozas e mozos de Vigo, Pontevedra, Mos, Cambados, Ribadumia, Gondomar, Ponte Caldelas, Bueu, Tomiño, O Porriño, Nigrán, Moaña, Redondela, Moraña, Marín, Silleda, Sanxenxo e Poio recibiron os Premios á Xuventude nunha gala chea creatividade, presentada pola artista Cora Velasco e coa música ao vivo de Jairo Daponte.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad