O obxectivo é incrementar o número de efectivos para poder contar cun retén 24 horas para emerxencias
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui necesita máis voluntarios para continuar co seu labor altruísta. Para iso ten en marcha unha campaña de captación de voluntarios, xa que na actualidade e tras unha actualización da lista de persoas pertencentes a este colectivo, contan só con 12 voluntarios/as en activo. O obxectivo é captar novos integrantes voluntarios e así poder formar un retén que serva de apio, axuda e colaboración en situacións de emerxencias a bombeiros, sanitarios, policía, … durante as 24 horas.
As persoas voluntarias deben ser maiores de 18 anos, tamén poden colaborar con 17 anos con autorización dos pais /nais. A idade máxima para colaborar coa agrupación é 65 anos. Os novos voluntarios deben facer un curso básico de iniciación e grazas a súa integración na agrupación poden optar a facer algún dos diferentes cursos que ofrece a Academia Galega de Seguridade Pública. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono da asociación, 619 455 936, ou no correo electrónico amvpctui@gmail.com.