Trátase dunha canle de televisión escolar municipal online na que participarán tódolos centros de ensino porriñeses
A Consellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) anunciaron a posta en marcha, a partir deste mes de marzo, de “LOURIÑA TV ESCOLAR”, unhacanle de televisión escolar municipal por Internet no Porriño.
A concelleira de Educación, Lourdes Moure, explicou que “esta canle online pretende ser un proxecto colectivo de innovación educativa, no que poidan estar implicados tódolos centros de ensino do Concello ao elaborar os seus propios programas de televisión”.
Moure enmarcou esta iniciativa, que definíu como “unha actividade súper innovadora” na “vocación do departamento que dirixo para seguir progresando no camiño que iniciamos coa consecución do título de Cidade Amiga da Infancia, coa celebración anual dos plenos infantís e dos numerosos programas de actividades que mantemos en colexios e institutos”, engadiu.
O desenvolvemento do proxecto realízase en colaboración coa entidade “Atelier Social”, representada na roda de prensa celebrada hoxe no Concello por Rubén Varela e Pedro Iglesias. Segundo explicaron o lanzamento desta canle virá acompañado dun obradoiro de formación audiovisual e de xornalismo para o alumnado participante, cos recursos e coñecementos suficientes para que os propios rapaces sexan quen de realizar as distintas pezas audiovisuais.
“A primeira fase do proxecto se realizará de xeito experimental dende este mes e ata final de curso, con cada un dos centros participantes elaborando un programa piloto. A segunda fase arrancará ao comezo do curso que vén, cunha programación semanal estable”, segundo subliñou Pedro Iglesias.