Redacción 11/03/2021

A 2ª edición da escola de letras da Deputación e Galaxia volve desde o luns de xeito telemático.

A escritora Inma López Silva impartirá en formato virtual as primeiras sesións do seu  obradoiro literario en Vigo e Pontevedra, á espera de que a partir de abril as clases se poidan desenvolver xa de xeito presencial. 

A segunda edición da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia botará a andar o vindeiro luns, 15 de marzo, e o fará de xeito telemático debido á situación sanitaria. Deste xeito, as dúas primeiras sesións dos dous primeiros cursos previstos, que impartirá a escritora Inma López Silva e que se ían desenvolver de xeito presencial nas sedes da institución en Vigo e Pontevedra, celebraranse a través da ferramenta Google Meet.  

A actividade formativa impartirase en horario de 18 a 20 horas. O luns 15 comezará o obradoiro previsto en Vigo, que continuará o día 22 deste mes de marzo de xeito telemático e, posteriormente, prevese que, de mellorar a situación, se celebre de xeito presencial os días 12, 19 e 26 de abril e os días 3, 10 e 24 de maio. No caso do Obradoiro Literario en Pontevedra, que impartirá tamén López Silva serán telemáticas as sesións do 17 e o 24 de marzo e espérase que sexa presencial as dos días 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio. 

Inma López Silva (Santiago, 1978) é unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela de debut, “Neve en abril”, que recupera o drama da Guerra Civil, gañou o Premio Rúa Nova convocado pola Biblioteca Nova 33 de Santiago en 1996 e sorprendeu pola súa madurez a lectores e crítica. A obra foi editada no 2005 por Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades. Outros traballos publicados pola autora son “Rosas, corvos e cancións”, “Concubinas” (co que obtivo o Premio Xerais 2002) ou “New York, New York” (2007), diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido ao castelán. 

Coa novela “Memoria de cidades sen luz”, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria. Amais de escritora, destaca  como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. No pasado ano 2020 publicou a obra “O libro da filla”. 

Calendario

Despois destes primeiros cursos, as actividades da Escola continuarán no mes de xuño, Co Obradoiro de Poesía que impartirá o escritor Antonio García Teijeiro en Pontevedra, en dúas sesións que terán lugar os días 2 e 9. Doutra banda, Anna Figueiredo, unha das docentes que se incorpora este ano á Escola, impartirá o obradoiro literario “Escribir unha novela” en oito sesións en Vigo entre os meses de setembro e novembro. Así, desenvolverase os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e rematará o 3 de novembro. 

Pontevedra acollerá as dúas últimas actividades da Escola de Letras deste ano. Trátase do Obradoiro Literario que ofrecerá Diego Giráldez en cinco sesións os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro; e do Obradoiro de Poesía a cargo de Elvira Ribeiro, outra das docentes que se sumaron á Escola, que terá lugar os días 2 e 9 de decembro. Todos os cursos teñen o mesmo horario, de 18 a 20 horas, e aínda que as prazas están completas, segue aberta a inscrición cunha lista de agarda, para o caso en que se produzan baixas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad