Redacción 10/03/2021

O tribunal tamén lle impuxo a inhabilitación para desempeñar emprego ou cargo público durante vinte anos, así como o pago dunha multa de 7.200 euros

 

 

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos de cárcere por delitos de suborno e prevaricación, ambos os dous continuados, ao expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) F.F.F.L. . Os maxistrados consideran acreditado que o acusado, entre 2009 e 2012, na súa condición de presidente do organismo, adxudicou contratos de obras a sociedades, con cuxos representantes se puxo de acordo, a cambio de cartos ou de prestacións de traballo nas súas propiedades.

A Audiencia, ademais, condenou a oito empresarios implicados como autores dos mesmos delitos -suborno e prevaricación- a un ano e tres meses de cárcere, seis anos de inhabilitación para emprego ou cargo público e seis meses de inhabilitación para obter subvencións e axudas públicas e para contratar con entes, organismos ou entidades que formen parte do sector público, así como a inhabilitación para gozar de beneficios ou incentivos fiscais e da seguridade social durante un ano e nove meses. O tribunal absolveu a un apoderado dunha das sociedades por falta de probas.

O condenado, cando exercía de presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, segundo consta na resolución, adxudicaba as obras mediante procedementos negociados, polo que tiña a obriga de solicitar, como mínimo, ofertas a tres empresas antes de pechar os contratos. Os xuíces sosteñen no fallo que o entón presidente e os tres empresarios que concorrían ás licitacións xa pactaran previamente cal deles sería o adxudicatario do contrato. Os outros dous, polo tanto, presentábanse para darlle cobertura e aparencia de legalidade. As compañías se turnaban para conseguir as adxudicacións.

A Audiencia destaca na sentenza que algúns dos empresarios implicados recoñeceron os feitos. As súas manifestacións, segundo o tribunal, “poñen de manifesto una mesma mecánica de actuación, tanto nas ofertas con invitacións como na intervención do presidente da CHMS na realización das ofertas e, así mesmo, no concerto de pagos a cambio de obras”. Ademais destes testemuños, os maxistrados indican que as intervencións telefónicas e os seguimentos realizados durante a investigación “poñen ás claras as relacións habidas entre o presidente da CHMS e os acusados”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad