O proxecto de mellora integral da zona de San Rafael, en Pereiras, incluiría segundo os plans do goberno municipal unha pista multideporte, cun Half Skate Park, unha nova pista deportiva, zona verde axardinada, substitución do alumeado público por iluminación LED e reposición do firme. O Concello procurará subvencións doutras administracións para poder levar o proxecto a cabo.
Este proxecto, cunha estimación de custos que segundo o Concello podería superar os 120.000 euros e que terán que ser sufragados por outras administracións, inclúe a mellora do alumeado público con iluminación LED e a mellora da seguridade vial mediante labores de asfaltado, así como zona verde axardinada, construcción dunha nova pista deportiva e un Half Skate Park. Deste xeito a parroquia de Pereiras pasaría a albergar a segunda pista de Skate do municipio, xa que Mos conta desde 2015 cun Half Park na zona do Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos.
Vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención ante a COVID-19, a administración local mosense decidiuse apostar polo novo Half en San Rafael e rematar canto antes o proxecto técnico para así optar a axudas supramunicipais que poidan apoiar a súa execución durante a presente lexislatura.