Redacción 13/02/2021

Este texto teatral está escrito en galego e contempla unha linguaxe máis propia da empregada actualmente pola mocidade

 

 

Onte presentouse no Concello do Porriño a primeira edición da obra “A cámara escura”, de José Luis Baños, gañadora da III edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, editada pola Editorial Galaxia.

A concelleira de Educación, Lourdes Moure, actuou como anfitrioa do acto xunto co autor, José Luis Baños;  o director xeral da editorial, Francisco Castro; e a secretaria do xurado permanente do certame, Raquel Castro.

O premio está constituído pola Editorial Galaxia, o Instituto Ribeira do Louro e o Concello do Porriño é o patrocinador cunha achega anual de 2.000 €.

José Luis Baños, o autor galardoado en 2020, reivindicou “a importancia deste premio por promover a escrita teatral para adolescentes, que vén cubrir un oco que existe entre o teatro familiar e que xa se centra nos adultos”.

A mestra e secretaria do xurado, Raquel Castro,  valorou que o texto de José Luis Baños “presente un rexistro de linguaxe urbana próximo á mocidade”, engadindo “esperamos que poida representarse en escea, unha vez que saiamos das restricións actuais”.

Francisco Castro, director xeral da “Editorial Galaxia”, agradeceu o compromiso de gobernos municipais como o Concello do Porriño no apoio á cultura.  “Necesitamos políticos que, como sucede aquí no Porriño, sexan cómplices da cultura”.  Francisco Castro lamentou que “mentres os estancos están abertos desde o primeiro día do estado de alarma, como servizo esencial, as librarías teñen que pechar”, reclamou o director da editorial.

Por último, Lourdes Moure, afirmou que “mentres eu estea a cargo destas responsabilidades públicas como concelleira de Educación, o Concello do Porriño manterá o seu apoio a este premio.  Dende o primeiro momento, tiven claro que o noso deber como administración pública era estar ao lado dunha iniciativa tan lúcida e á vez tan centrada na nosa mocidade”, concluía a concelleira.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad