Redacción 31/01/2021

Mos pide un Comité Executivo á Presidencia do Consorcio no que se informe aos Concellos membros das irregularidades detectadas polo Tribunal que determinan que o adxudicatario incumpriu as condicións da licitación.

 

O tenente alcalde do Concello de Mos e delegado da administración local mosense no Consorcio de Augas do Louro, Camilo Augusto, informou esta semana de que o Concello remitiu unha carta á alcaldesa do Concello do Porriño, presidenta do Consocio, solicitando que se convoque un Comité Executivo con carácter de urxencia para informar aos municipios membros das irregularidades detectadas polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia na contratación da nova empresa adxudicataria dos servizos de conservación, mantemento e explotación, entre outros, das instalacións do Consorcio. O valor de importe de licitación é de 12.666.352,07 euros durante 3 anos máis 2 de prórroga.

Esta adxudicación de contrato xa foi posta en entredito no primeiro Comité Executivo ao que se levou a aprobación e no que os Concellos de Mos e Tui e Augas de Galicia decidiron non votar e deixala sobre a mesa ata que se lles aclararan certas dúbidas. Foi no seguinte Comité Directivo do Consorcio cando, ante a aparición dun informe técnico favorable e as aclaracións expostas sobre as valoración das ofertas presentadas, Augusto e os demais membros do Comité decidiron votar a favor, pero descoñecendo as irregularidades que o Tribunal constataría posteriormente en resolución de data 21 de xaneiro.

É por isto que o Concello de Mos pide que o Consorcio de Augas do Louro convoque un Comité Executivo para informar deste tema posto que “xa pasou unha semana desde que o Tribunal resolvese estimar o recurso especial en materia de contratación presentado pola anterior empresa adxudicataria ao detectar irregularidades na contratación da nova, e aínda que entendemos que a demora será porque os técnicos do servizo xurídico do Consorcio están a estudar en detalle a incidencia, a obriga da Presidencia é comunicalo rápidamente aos Concellos membros”, insistiu o tenente alcalde mosense.

O Tribunal establece no seu dictame que “nun procedemento de licitación a transparencia e igualdade entre os licitadores é moi relevante” entendéndose que neste procedemento incumpríronse ambos preceptos. Ademais o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia conclúe que “o adxudicatario incumpriu as condicións da licitación polo que se estima o recurso en canto á anulación da adxudicación de forma que se retrotraia o procedemento para que tras a exclusión de tal licitador se culmine tal procedemento da forma que proceda en dereito”.

Por estes motivos o Concello de Mos pide que o Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro convoque un Comité Executivo para dar a necesaria e pertinente información a este respecto.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad