A AP-9, asegura o Ministerio, “consolídase entre as autoestradas máis seguras” do Estado, baseándose nos datos de siniestralidade. O Ministerio mostra o seu desacordo coas informacións publicadas por Audasa onte, en particular, no referido ao nivel das tarifas que a concesionaria considera de baixo prezo. O Goberno di estar traballando para reducir os costes para os usuarios da autoestrada.
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) ordenou unha inspección específica sobre seguridade viaria na autoestrada AP-9, que será levada a cabo e incluirá todos os aspectos da infraestrutura e da que se podererán identificar elementos susceptíbeis de mellora e derivarse, no seu caso, actuacións para a súa correción preventivamente.
Na actualidade, a AP-9 consolídase, segundo o Goberno, “entre as autoestradas máis seguras” do Estado, tendo en conta os datos de siniestralidade. O Ministerio subliña que o risco de falecer como consecuencia dun acidente nesta autoestrada é moi inferior ao do conxunto de estradas estatais, pois presenta un indice de mortalidade dúas terceiras partes menor. Este risco calcúlase tendo en conta o nivel de exposición, determinado polo volume de vehículos e km percorridos.
Por outra banda, indican que dentro do sistema de xestión da seguridade viaria implantado pola Direción Xeral de Estradas e que permite analizar e facer un seguimento da accidentalidade periódicamente, identificar problemas ou eivas de seguridade concretas e definir as posíbeis actuacións de mellora da infraestrutura, realízanse periódicamente inspeccións de seguridade viaria. Isto, entre outros procedimentos e actuacións estabelecidos para identificar preventivamente elementos susceptíbeis de mellora, deseñar e realizar as medidas corretivas.
Estas inspeccións e a súa metodoloxía son coherentes co procedimento prescrito na Diretiva europea 2008/96/CE, sobre xestión da seguridade das infraestruturas viarias, trasladada ao ordenamento xurídico español a través do Real Decreto 345/2011 de 11 de marzo. De aí que, para comprobar que as condicións de seguridade actuais na AP-9 continúan sendo adecuadas, dentro dos labores de inspección que se veñen realizando ao longo do contrato concesional, ordenouse esta inspección específica.
Por outra banda, Audasa emitiu onte unha nota de prensa no que se recollían datos que o Ministerio non comparte. En particular, os relativos ás tarifas da AP-9, que non se corresponde coa análise realizada polo goberno. Na actualidade, o Ministerio está traballando na elaboración dun Real Decreto que recollerá varios tipos de bonificacións nesta autoestrada e reducirá as tarifas medias e os costes dos usuarios da AP-9.