Redacción 28/01/2021

Decretado o peche total ao público da hostalaría e restauración en Galicia, Sanidade négase a permitir excepcionalmente que os condutores poidan consumir no interior de determinados establecementos, malia termos solicitado reiteradamente esta excepción desde as asociacións de transportistas, velando pola saúde alimentaria e hixiene do noso colectivo. A práctica totalidade das Comunidades Autónomas decretaron o peche da hostalaría nos seus territorios, sendo Galicia a única Comunidade que non permite uns servizos mínimos para os condutores profesionais.

 

Onte publicouse no DOG da Consellería de Sanidade a nova orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Galiza. As novas medidas acordadas por Sanidade que entraron en vigor hoxe mércores día 27 ás 0:00 horas e entre estas figura o peche total ao público da hostalaría e restauración no territorio.

Despois de solicitalo reiteradamente nos últimos días desde estas federacións, os transportistas lamentan que Sanidade se negase a autorizar uns servizos mínimos de restauración para os transportistas, non permitindo a estes por tanto consumir de modo individual, sentados en mesa, dentro dos establecementos sitos en parques empresariais e áreas de servizo fóra de zonas urbanas, nunhas minimas condicións dignas de hixiene para os condutores.

A referida orde ten un apartado específico dirixido aos profesionais do transporte, cuxa redacción non é moi clara. As asociacións de transportistas elevaron a Sanidade unha consulta aclaratoria, mas a administración limítase a dicir que os establecementos de restauración situados en áreas de servizo e centros loxísticos poderán estar abertos as 24 horas para atender aos transportistas, pero cun servizo de “entrega de alimentos”. Exclúese por tanto a posiblidade de que poidan consumir no interior do local, se ben os transportistas entenden que si se permitiría o acceso aos aseos neses establecementos.

Así as cousas, Galicia é case a única excepción, xa que na práctica totalidade de Comunidades Autónomas que pecharon os servizos de hostelaría e restauración si permiten como excepción aos transportsitas o consumo no interior dos establecementos situados en áreas de servizo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad