Redacción 27/01/2021

Trátase da humanización da rúa Manuel Rodríguez e tres novas redes de saneamento en Atios e Pontellas

 

 

O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias” segundo explicou concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira.

Das catro propostas a máis ambiciosa, polo seu custo, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez, que contempla o tramo entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € mais o IVE do 21% correspondente, consistindo as obras no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; preinstalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns. “Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso totalmente peonil”, avanzou Pereira.

O Concello tamén presentou, para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural” e que son as seguintes:

– Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589,47 € mais IVE.

– Proxecto de saneamento no Corzón en Pontellas cun orzamento de 46.388,42 € mais IVE.

– Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas  cun orzamento de 95.564,36 € mais IVE.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad