Redacción 24/01/2021

O SAF conta en Mos con 55 profesionais que traballan con poboación de risco, mais non teñen a consideración de persoal sanitario en primeira liña. Gustavo Barcia levará a proposta ao próximo pleno e confía en que todos os grupos municipais se unan a unha petición “que é de xustiza”.

 

O pasado 20 de xaneiro, as deputadas do BNG Montse Prado, Olalla Rodil e Iria Carreira presentaron no Parlamento Galego unha Proposición non de Lei para que as traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF) e as técnicas e técnicos do servizo de ambulancias non urxente teñan a consideración de persoal sanitario en primeira liña e sexan incluídos de forma prioritaria, polo tanto, nos plans de vacinación da Xunta de Galiza. No mesmo senso, o BNG de Mos levará ao próximo pleno unha moción de urxencia para que o Concello inste á Xunta a adoptar esta medida con carácter de urxencia.

En Mos, o SAF conta con 55 profesionais que dan servizo a centos de usuarios que forman parte da poboación de risco. Coidan a maiores e persoas dependentes de forma personalizada e realizan, segundo o portavoz nacionalista Gustavo Barcia, “un labor moi importante que as administracións non están recoñecendo como se merece”. Unha traballadora deste servizo pode atender a cnco usuarios diferentes en cinco vivendas diferentes no mesmo día e isto, tal como indica o concelleiro, “implica un elevado risco de propagación da covid-19”. Na mesma moción, o BNG de Mos reclama que se incremente o número e a periodicidade das probas PCR ao persoal de atención no fogar, cando menos mentres non se complete a vacinación. Barcia insiste en que, “se existe algún contaxio, este debe ser detectado canto antes”.

O portavoz do grupo municipal do BNG confía en que o pleno aprobe por unanimidade esta proposta. Na súa opinión, “non se trata só de esixir que coidemos a quen nos coida, senón tamén de recoñecer o labor tan importante que realizan, que en moitas ocasións vai máis alá do que o seu traballo lles esixe”. Barcia considera que atender esta petición “é de xustiza, máis aínda cando estamos vendo que hai moito canalla que se está aproveitando da súa posición de poder para vacinarse antes de quen realmente o precisa”. O persoal do SAF e os TES estanse xogando a saúde cada día, en contacto directo coa poboación máis vulnerable, pero a Consellería de Sanidade non tivo en conta o importante traballo que están a realizar á hora de deseñar o plan de vacinación.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad