Reafírmase a calidade da programación do Festival de Cans e a fama de `certame talismán´ ao ser elixidas finalistas dos Premios Goya, por tercer ano consecutivo, algunha das curtas de animación proxectadas no mesmo
Álvaro Gago competirá na categoría de mellor curta de ficción, e Alberto Vázquez, Juanfran Jacinto e Carla Pereira na de mellor curta de animación
A Academia do Cine Español deu a coñecer os nomes dos finalistas dos Premios Goya 2021, entre cuxos nomes figuran tres directores que pasaron polo Festival de Cans, volvendo a ratificar a calidade da programación do certame e reafirmando a súa sona de `festival talismán´ entre as realizadoras e realizadores.
Na categoría de ficción estará como finalista Álvaro Gago, coa súa curtametraxe `16 de Decembro´, que gañou no último Festival de Cans o Premio á Mellor Dirección e o Premio RC Service á Mellor Fotografía, polo traballo de Lucía C. Pan. Gago gañou en dúas ocasións o Premio do Xurado á mellor curtametraxe en Cans, coas curtas `Curricán´ e `Matria´, coa que sería tamén finalista dos Goya en 2019.
Na categoría de animación haberá dúas curtas que competirán polo Goya. Por un lado, `Metamorphosis´, de Carla Pereira e Juanfran Jacinto, presentes na última edición de Cans dentro da sección non competitiva `ExtraCans´, que mostra traballos que teñen nexos con profesionais galegos, neste caso a través da animadora Sonia Iglesias. E por outra parte, tamén será finalista Alberto Vázquez, coa curta ´Homeless Home´.
Vázquez é un asíduo do festival e un realizador forxado ano tras ano na competición de animación de Cans, onde xa gañou en tres ocasións coas súas curtas `Sangue de Unicornio´, ´Birdboy´ e `Decorado´. Alberto Vázquez logrou converterse nun dos grandes da animación española, e ten xa tres estatuiñas dos Goya, logradas polas curtas `Birdboy´(2012), `Decorado ´(2017), e polo filme `Psiconautas´ (2017), tamén estreado no Festival de Cans.
Coa elección destes finalistas, o Festival de Cans marca tamén un fito na proxeción do seu palmarés, dado que nas últimas tres edicións, tres curtas de animación que pasaron por Cans acabaron sendo finalistas dos Goya. Ademáis de `Metamorphosis´ nesta edición, na pasada edición de 2019 foi finalista ´Homomaquia´, de David Fidalgo, que recibira unha mención especial en Cans, e en 2018 a Academia seleccionou entre os finalistas `Soy una Tumba´ de Khris Cembe, que recibira aquel ano o Premio do Xurado á mellor curta de animación en Cans.
Coa elección destes finalistas por parte da Academia, o Festival de Cans reafírmase un ano mais, como un dos festivais de cine máis influíntes do Estado á hora de impulsar a traxectoria de cineastas novos, como son os casos de Álvaro Gago, Alberto Vázquez ou outros como Dani de la Torre, premiado en anteriores edicións dos premios do cine español.
A Gala coa entrega final dos premios Goya está prevista para o vindeiro 6 de marzo en Málaga, e será dirixida polo actor Antonio Banderas e a xornalista María Casado.