Redacción 17/01/2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou onte o Pazo de Mos, onde a Administración autonómica colaborou no acondicionamento eléctrico do inmoble e do seu albergue de peregrinos. A achega encádrase no Plan Estratéxico do Turismo de Galicia 2020, que ten como obxectivo “consolidar a comunidade galega como destino competitivo”.

 

A Xunta anunciou onte un investimento de 25.000 euros para o acondicionamento eléctrico do Pazo de Mos, nun intento de “poñer en valor o patrimonio da comunidade”, entendendo este como un “valor extratéxico da economía”, o cal obriga á súa conservación. A achega encádrase no Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2020, que ten como obxectivo consolidar a comunidade galega como “destino competitivo”. Nesa aposta por un turismo “único e diferenciado”, que potencia a chamada Marca Galicia e que pretende garantir a seguridade para os seus visitantes, a Xunta colabora na modernización de espazos emblemáticos como o Pazo de Mos.

O Pazo de Mos non só é un edificio histórico do século XVII que se atopa nun enclave estratéxico do Camiño Portugués, senón que hoxe en día, xestionado pola Fundación Pazo de Mos, da que forman parte a asociación de veciños de Santa Baia de Mos e a Comunidade de Montes de Mos, é un referente de dinamización cultural e deportiva para a súa veciñanza e un exemplo de aproveitamento dun inmoble emblemático como destino turístico e albergue de peregrinos. 

O Pazo de Mos, localizado ao carón da antiga calzada romana que unía Bracara Augusta, a actual Braga, con Tui e Santiago a través do Camiño Portugués, é unha xoia do patrimonio galego que o ano pasado foi sumada aos espazos singulares que obtiveron en Galicia a certificación Q de Calidade Turística, xunto coa contorna da Carballeira e Xardín Botánico de Caldas de Reis, da Fortaleza Salvaterra do Miño, do parque infantil Aldea dos Grobits (O Grove) e a Rede de Miradoiros de Sober. A Xunta afirma que seguirá apoiando iniciativas similares para “preservar o patrimonio histórico” e “adaptalo ás necesidades do século XXI”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad