Segundo informa o Concello, a plataforma conecta directamente a empresas e demandantes de emprego axilizando e facilitando o proceso de selección de persoal.
O Concello de Mos informou onte da creación do novo portal de emprego da Axencia de Colocación de Mos. Esta será “unha ferramenta moderna e interactiva que conecta a empresas e demandantes de emprego para axilizar o proceso tanto de selección de persoal por parte das empresas como de inserción laboral por parte dos desempregados e desempregadas”. Deste xeito, no novo portal municipal da Axencia de Colocación, crúzanse as demandas curriculares para os postos vacantes cos perfís laborais dos demandantes, de xeito que o proceso de selección se fai un modo máis eficaz e eficiente.
A Axencia de Colocación de Mos, dispón deste novo portal de emprego, máis completo e máis áxil, desde o que todas as persoas que estean buscando emprego poden acceder a todas as ofertas de emprego e candidatarse a través do enderezo web https://mos.portalemp.com As empresas que necesiten persoal, así mesmo, poden solicitalo a través deste portal no apartado destinado ás empresas. O portal ademais terá información actualizada das accións formativas que se convoquen desde a Axencia de Colocación de Mos, e dispón dun apartado destinado a persoas emprendedoras con información actualizada.
Todas aquelas persoas ou empresas que queiran candidatarse a unha oferta, inscribirse en algún curso, ou solicitar persoal, poden facelo desde o apartado “Inscribirse” e, ao acceder, apareceranlles tres apartados: Inscrición como demandante de emprego- Inscrición como empresa – Inscrición como alumno. Os interesados poden poñerse en contacto coa Axencia en caso de dúbidas no teléfono 986487786, ou no correo electrónico info@axenciadecolocacionmos.es