A pesar de que “o número total de licenzas concedidas e de asuntos urbanísticos levados a Xunta de Goberno” non aumentou en 2020, o Concello de Mos subliña o incremento do 54% na concesión de licenzas de obra maior para naves.
Os datos son extraídos do balance urbanístico anual de 2020, do cal o Concello destaca o importante aumento de licencias de naves concedidas que pasa de 11 en 2019 a 17 en 2020, téndose concedido o ano pasado 6 licenzas máis que o anterior, o que representa un crecemento porcentual do 54%. Por outra banda, no que respecta ás licenzas de actividade, en 2020 concedéronse un total de 114 fronte ás 101 de 2019. É dicir, 13 licenzas máis que supoñen un incremento do 13%. Dentro das licenzas de actividade hai un tipo que aumentou especialmente, o de Comunicación Previa, que pasou de 81 en 2019, a 91 en 2020; 10 licenzas máis que representan un incremento do 12%.
Ademais das de nave industrial, outras licenzas de obra maior que tamén aumentaron foron as de canalizacións e redes eléctricas, pasando de 32 en 2019 a 37 en 2020. 5 licenzas máis que implican un crecemento do 15%. Dentro das licenzas de obra menor as que máis aumentaron foron as de cambio de tella e muro de peche. As licenzas para cambio de tella en 2019 foron 33 e en 2020, 40. 7 licenzas máis que supoñen un crecemento porcentual do 21%.
As licenzas para muro de peche en 2019 foron 31 e en 2020, 37. 6 licenzas máis que supoñen un crecemento porcentual do 19%. En canto a outros expedientes tramitados tamén aumentaron os de devolución de aval (13 en 2019 e 14 en 2020) e de Disciplina Urbanística (15 en 2019 e 36 en 2020).
Segundo o Concello, os datos urbanísticos seguen a progresión ascendente iniciada en 2017 en Mos coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Estas cifras veñen tamén derivadas do crecemento do Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que se atopa ao 94% de ocupación, o que fai que Mos leve experimentando nos últimos anos un aumento das licenzas urbanísticas concedidas.