Redacción 30/12/2020

Alcaldesa e concelleiros aproveitaron para tratar con Feli Rodríguez asuntos municipais que dependen da Xunta e solicitáronlle a súa intermediación.

 

A alcaldesa de Mos xunto con outros membros da Xunta de Goberno local recibiron hoxe oficialmente no salón de sesións do Concello á primeira muller mosense da historia que é deputada no Parlamento de Galicia, Feli Rodríguez. Recibiu a insignia co escudo do Concello de Mos de mans da rexedora local, por quen lle foi imposta.

Rodríguez pasou a ser deputada autonómica o pasado 14 de decembro, tras os nomeamentos de José Manuel Cores Tourís e Jesús Vázquez Almuíña como novos presidentes do Porto de Vilagarcía e da Autoridade Portuaria de Vigo, respectivamente. O 21 de decembro xurou o seu cargo ao comezo do Pleno do Parlamento de Galicia.

Na xuntanza desta mañá na Casa Consistorial mosense, o goberno local aproveitou para facer un repaso coa deputada autonómica dos asuntos municipais pendentes coa Xunta de Galicia e trasladáronlle un resumo dos mesmos para que poida intermediar na súa xestión e resolución. Entre eles atópase un de gran relevancia como é a liberalización do tramo Puxeiros-O Porriño da AP-9, de xeito que sexa gratuíto e desvíe tráfico da tan perigosa A-55.

Feli Rodríguez, natural de Tameiga, é a primeira muller deputada autonómica da comarca da Louriña no Parlamento de Galicia, só precedida por outro representante mosense, neste caso varón, o ex alcalde Justo José González Ballesta. María Felisa Rodríguez Carrera (56 anos), é administrativa e iniciou estudos de Dereito na UNED. Profesionalmente leva desenvolvendo actividades administrativas máis de 30 anos, tanto por conta propia como allea.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad