
Recentemente, a xustiza arquivou as dilixencias iniciadas a raíz das denuncias do goberno municipal contra veciños do municipio sobre as supostas facturas falsas da auga. Os grupos da oposición en Mos convocarán un pleno extraordinario para solicitar a dimisión de Nidia Arévalo e a retirada das accións xudiciais.
O Xulgado de primeira instancia do Porriño arquivou recentemente as causas inciadas por Nidia Arévalo contra veciños vinculados á plataforma Auga é Vida, en relación ás facturas falsas. Hoxe, os grupos da oposición posiciónanse en apoio aos veciños e contra as accións xudiciais do goberno municipal e alcaldesa, cuxo “circo mediático” consideran rematado despois da sentenza. “Despois de acusar a varias persoas de cometer distintos delitos, ofrecendo publicamente nomes e apelidos para poñelas no punto de mira”, denuncian, as pretensións da alcaldesa vense frustradas pola xustiza, que non observa a comisión de ningún dos delitos denunciados.
Consideran, pola contra, que “o dano xa está feito”, e que a alcaldesa “non respectou en ningún momento a presunción de inocencia” e a maiores acusou a PSdeG, Gañamós e BNG de ser cómplices deses delitos. Non dubidou en ofrecer varias roldas de prensa, en sede institucional, para amplificar o alcance da súa acción propagandística e chegou a convocar un pleno extraordinario no que só participou o PP. Todo isto, por suposto, empregando diñeiro público para “tratar de sacar o máximo rédito político”.
Segundo explican os representantes da oposición, a alcaldesa emprendeu unha cruzada persoal contra a Comunidade de Montes de Tameiga e as traídas de auga que se opoñen ao macroproxecto urbanístico e especulativo que pretenden perpetrar o PP e o R.C. Celta no monte veciñal. Nesta batalla partidista, non dubidou mandar cartas á veciñanza, en pleno período electoral, en nome do goberno municipal. Sinalan tamén que “todos os cartos malgastados para ir aos tribunais estarían moito mellor investidos en servizos sociais, cultura ou emerxencias que en asuntos persoais e intereses especuladores do PP”.
Os tres grupos da oposición no Concello de Mos, PSOE, Gañamós e BNG, consideran inaceptable que se acose e se inxurie a unha parte da veciñanza desta maneira. Por este motivo, exercerán o dereito de convocar un pleno extraordinario para solicitar a dimisión da alcaldesa, exixirlle unha petición de desculpas públicas e instala a retirar a denuncia. As concelleiras e os concelleiros dos tres grupos que subscriben este acordo comprometense, ademais, a devolver ás arcas municipais o importe das dietas que lles corresponden pola asistencia ao pleno.