A institución provincial trasladou por escrito ata en tres ocasións ao concello de Mos que o mantemento dos semáforos nas estradas Mos-Puxeiros, Peinador-Louredo e Puxeiros-Peinador é de competencia local ao tratarse de servizos urbanos con subministración eléctrica municipal.
Non foi unha senón ata tres as veces que a Deputación de Pontevedra se puxo en contacto co concello de Mos para trasladarlle que o mantemento dos semáforos no vial Peinador-Os Valos, así como noutras vías que transcorren polo seu termo municipal, é de competencia local, ao tratarse de servizos urbanos con subministración eléctrica municipal. Deste xeito, novamente, a institución provincial reimitiu mesmo unha carta á alcaldesa Nidia Arévalo para recordarlle que o mantemento das instalacións semafóricas nas esradas de Mos-Puxeiros, Peinador-Louredo na Puxeiros-Peinador debe ser conservado e mantido polo goberno local.
“Lamentamos que os concelleiros e concelleiras non dispuxeran desta información, xa que non se entendería doutra forma a súa participación nun acto como o acontecido a pasada fin de semana”, recolle a misiva. Máis polo miúdo, na carta, a institución provincial recorda que xa no ano 2018 os servizos técnicos da
Deputación detectaron a anomalía na vila, ao ser o único municipio da provincia que non asumía o mantemento de semáforos con subministración eléctrica municipal. Por este motivo, e para poñer fin á situación discriminatoria da que se beneficiaba unicamente Mos con respecto a outros concellos que si estaban a asumir este mantemento, remitiuse un primeiro escrito en decembro de 2018 no que se daba conta de que este servizo e o seu mantemento eran obrigas do concello.