Todos os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poderán participar entregando as súas propostas na Bibliteca Municipal de Mos até o 22 de decembro.
O certame componse de tres categorías e cada unha delas terá un premio que constará dun vale para libros e material escolar máis un diploma. Unha modalidade comprenderá aos nenos de 3 a 5 anos; a segunda, aos que teñan entre 6 e 8 anos; e a última, aos mozos de 9 a 12 anos. Os días 28 e 29 de decembro, un xurado composto polos propios participantes do concurso de postais de Nadal valorará a calidade e orixinalidade das creacións, así como os seus valores positivos. Os premios entregaranse o 4 de xaneiro na propia biblioteca.
Todos os nenos interesados en participar deben presentar a súa postal do Nadal antes do 22 de decembro na Biblioteca Municipal. Para entrar en concurso, os novos debuxantes deben seguir unha serie de requisitos:
A postal pode ser en galego ou en castelán. Pódeselle engadir, ademais de debuxo, todo tipo de ilustracións ou fotos. A organización tamén permite ao artista usar todo tipo de materiais que desexe para crear a súa postal de Nadal, desde ceras, rotuladores ou teas ata recortes. O tamaño da postal de Nadal non debe exceder dun folio tamaño A4 por un só lado e a medida mínima é de medio folio A4 por unha soa cara.
Sobre a temática, os pequenos poden engadir tamén unha frase na postal, que pode ser un desexo que non sexa de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián. Por último, a postal debe ser obra do propio neno ou nena e debe incluír ao final da creación, como mínimo, o
seu nome, idade, dirección e teléfono de contacto. A organización sinala que só se acepta unha postal por persoa.