A montaxe, baseada no conto de Mia Couto ‘Sapatos de tacão alto’, xorde dun traballo de investigación para coñecer como percibe cada espectador tres mostras de diferentes equipos artísticos sobre a mesma temática: a diversidade de xénero. O seu primeiro pase terá lugar este venres 4 ás 20,30 h. e o sábado e o domingo ofreceranse outras dúas sesións ás 20,30 h. e ás 20,00 h., respectivamente.
Hoxe venres terá lugar a estrea en Vigo de Cambio de foco, un proxecto de Ártika Cía. en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). O evento será hoxe, día 4, ás 20,30 h. e repetiranse funcións o sábado 5 á mesma hora e o domingo 6 ás 20,00 h. sobre o escenario do espazo homónimo da avenida de Beiramar. Este último día, ao remate da función, desenvolverase unha charla coloquio a cargo da Asociación Pvlse sobre diversidade e identidade de xénero, a temática da montaxe.
Tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con moi distintos estilos de facer teatro amosan en Cambio de foco a súa visión sobre un mesmo tema. A montaxe, inspirada no conto de Mia Couto Sapatos de tacão alto, xorde dun traballo de investigación a través do que Ártika pretende establecer unha ponte entre a creación e o público, que permitirá coñecer como percibe cada persoa as distintas pezas que compoñen a obra. As espectadoras e espectadores son, pois, parte fundamental deste proxecto, de xeito que ao remate da representación realizarán unha pequena enquisa como complemento ao obradoiro.
Marcos Alonso, Alfredo Rodríguez e Rafael Rey ocúpanse da dirección e dramaturxia baixo a coordinación xeral de Anxo Fernández. O elenco está conformado por Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey, Mathias Rodríguez, Carlos Gallardo e Tomé Mouriño.
Vigo como polo creativo
A iniciativa responde á colaboración que o CDG mantén esta temporada con espazos creativos e compañías escénicas que traballan na cidade de Vigo para o desenvolvemento doutras tantas coproducións, entre as que tamén se atopan Clásicas desfeitas de Nononon.lab e Outras miradas de Teatro Ensalle.
No caso da Sala Ártika, a súa traxectoria remóntase a 2014, cando abriu as súas portas co obxectivo de lles achegar aos amantes da arte unha nova visión do teatro e a danza. Para transmitir esta paixón pola cultura e as artes, incorporaron á súa actividade cursos e monográficos sobre numerosas áreas, que están dispoñibles ao longo de todo o ano. Adáptanse, ademais, ás distintas idades e niveis para contribuír a que tanto nenos coma mozos ou adultos inicien a súa formación artística.
Venda de entradas
As entradas para Cambio de foco están á venda de forma anticipada a través da web www.artikavigo.com ata unha hora antes de cada sesión por un prezo de 10 euros máis gastos de xestión. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes da sala por 14 euros.