A organización ecoloxista denuncia que as explotacións autorizadas pola Consellería causan prexuizos de imposíbel ou difícil reparación ao río Louro, ao barrio Eidos-Vitureira e ás Gándaras de Budiño (ZEC ES1140011), espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais, desde Ecoloxistas en Acción subliñan que o feito de que as canteiras levaran tempo funcionando non exime da realización dun Informe sobre as Repercusións do proxecto de explotación e do plan de restauración sobre a Rede Natura.
Ecoloxistas en Acción denuncia a inacción das administracións competentes a pesar das múltiples protestas da Asociación de Afectados polas Canteiras de Budiño grazas a cal aportamos un dossier con algunhas das distintas afeccións: contaminación das augas, fendas nas vivendas polos temblores e incluso pedras proxectadas polas explosións sobre as zonas habitadas.
A organización ecoloxista galega denuncia que o órgano ambiental competente obvia a avaliación de impacto ambiental ordinaria, pese aos efectos sinérxicos e acumulados das tres explotacións sobre a Rede Natura, ZEC ES1140011 Gándaras de Budiño. É máis, non só obvia a avaliación ambiental ordinaria, senón que ademais fragmenta os tres proxectos para eludir a avaliación integral dos seus impactos desde unha perspectiva ecosistémica.
Respecto as tres canteiras sinaladas “Eidos nº 2342.2” (PO/C/02342.2), «Forna» Nº 2342 (PO/C/02342) e “Benedicta 1544” sinalan que a pesar da obriga legal e imperativa de conservación dos espazos da Rede Natura, o órgano con competencias en materia de medio ambiente da Xunta de Galicia formula o Informe de impacto ambiental sobre o proxecto de restauración da explotación mineira obviando calquera referencia ao proxecto de explotación mineira. É dicir, só se formula o Informe de Impacto Ambiental con respecto ao Plan de restauración, e non con respecto ao Proxecto de Explotación.
Ecoloxistas en Acción lembra que a aplicación do principio de precaución aconsella que cando se aprecie que existe obxectivamente algunha “posibilidade” de afección sobre algún espazo RN2000, entón a avaliación de impacto ambiental ha de considerar e incluír a avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000, e coa información que se xere os órganos ambientais competentes poderán apreciar se os efectos avaliados son significativos ou non. No presente caso non se tivo en conta esta posibilidade dos efectos sobre a Rede Natura polo que cautelarmente, e en tanto en canto, non se avalíen estas repercusións sobre as Gándaras de Budiño debe suspenderse a eficacia das Resolucións que autorizan tanto os proxectos de explotación como de restauración das concesións “Eidos”, “Forna” e “Benedicta”.