Entre os actos conmemorativos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, enmarcados na campaña municipal co lema ‘Que a mascarilla non te cale’ [sic], realizouse a lectura dun manifesto na Praza do Concello.
Ás 12.00 horas deuse lectura, na Praza do Concello de Mos, ao manifesto municipal de repulsa contra a violencia machista con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que rematou cun minuto de silencio en honra de todas as vítimas. Neste manifesto o Concello de Mos declara a súa “firme condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres, e de todas e cada unha das súas manifestacións. Solidariedade coas mulleres vítimas da violencia machista, transmitindo todo o noso apoio a elas, aos seus fillos e fillas e familiares. Violencia que é exercida contra as mulleres polo mero feito de selo. E compromiso como Administración Pública para liderar a loita contra a violencia de xénero mediante accións dirixidas a promover a igualdade entre mulleres e homes, como un valor social incuestionable para unha sociedade que se sustenta sobre a defensa do dereito irrenunciable da igualdade e a dignidade de todas as persoas”.
“A eliminación da violencia contra as mulleres” manifesta tamén a declaración municipal “é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes. Así, as Entidades Locais son para moitas mulleres o primeiro paso para saír do espazo da violencia. Por iso é tan importante a recuperación, por parte destas entidades, das competencias en materia de igualdade e contra a violencia machista. Unha sociedade democrática non pode tolerar que as mulleres sexan discriminadas, sexan vítimas do machismo, da desigualdade, e da violencia, unha das principais causas de vulneración dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, situacións totalmente inadmisibles nun Estado democrático e de dereito. Por todo isto, reiteramos unha vez máis, a nosa absoluta repulsa contra a violencia de xénero”.
Este manifesto será novamente lido no vindeiro Pleno Ordinario, a celebrar o próximo luns 30 de novembro, e entón a lectura correrá a cargo da Directora do Centro de Información á Muller, CIM, de Mos, Elena Bastos. Ademais, representantes do Concello asistiron hoxe aos seus actos conmemorativos do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no IES de Mos. Entre as iniciativas programadas polo Instituto mosense atopouse a proxección, en cada unha das clases, dun vídeo conmemorativo confeccionado polo propio alumnado do centro, e dun minuto de silencio celebrado no patio exterior. Ademais o alumnado confeccionara previamente uns termómetros medidores de violencia machista, ‘violentómetros’, que colocaron en diferentes zonas do edificio e decoraron todas as dependencias con globos de cor violeta, que foron repartidos polo Concello para tinguir todo o municipio desa cor durante a xornada de hoxe.
A programación municipal conmemorativa do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, enmarcada na campaña municipal co lema ‘Que a mascarilla non te cale’ [sic], incluiu tamén o reparto de globos de cor violeta ou morado, conmemorativa do 25N, polo concello. Ademais impartíronse nos Colexios de Mos charlas sobre igualdade, e proxectouse en redes sociais a curta documental ‘Deixar o pasado atrás’ elaborada a raíz do curso ‘Namórate de ti’ e que trata sobre todo o proceso que implicou a realización deste curso por parte das 12 mulleres participantes. Esta curta documental, de entre 8 e 10 minutos de duración, foi grabada tamén por dúas mulleres.