Segundo o Concello, o Celta investiu preto de 210.000 euros nestes traballos que amplían a rede municipal cun novo tramo de máis dun quilómetro, que pasa a ser público, e permitirá futuras conexións ao sumidoiro tanto ás vivendas do lugar como a novos tramos que se pidan levar a cabo desde o Concello.
O Concello informou hoxe de que se atopan prácticamente rematadas as obras do proxecto de colector para a conexión das instalacións deportivas do R. C. CELTA en Pereiras coa rede xeral de saneamento, á falla únicamente de que se realice a reposición do firme. Este proxecto de acometida de rede de sanemento, levado a cabo polo clube de fútbol segundo fontes municipais, transcorre polos montes de Pereiras e conexiona na súa parte final na Estrada Generoso Domínguez, parroquia de Cela. O proxecto acometeuse para poder conectar os vestiarios e instalacións da Cidade Deportiva en Pereiras coa rede xeral.
Porén, o Concello afirma que esta instalación supón un importante punto de conexión ao saneamento nesta zona da parroquia de Cela, tanto para a veciñanza como para outras dependencias existentes nas inmediacións, como é o caso do Círculo Mercantil, que poderán deste xeito conectarse ao sumodioro se así o desexan nun futuro.
O Concello engade que esta instalación ten a vantaxe de permitir a conexión por gravidade, sen precisar de bombeos de augas residuais resultando nun importante aforro enerxético e simplificando o mantemento. O principal obxectivo é permitir a conexión por gravidade das novas instalacións celestes en Pereiras co colector existente na Estrada Generoso Domínguez.
O Concello mostra a súa satisfacción polo feito de que o proxecto do Celta e os investimentos do clube sirvan para ampliar a rede de sumidoiros. Recalcan á vez que estas obras non supuxeron ningún gasto para as contas da administración local.