As Comunidades de Traídas de Augas afectadas polo macroproxecto comercial e as Asociación de Veciños da Portela e Comunidade de Montes de Tameiga, que representan a máis de 2.000 familias en Mos, exixen a Nidia Arévalo que pida desculpas polo que denominan mentiras e as falsas acusacións vertidas contra eles por parte da dirixente do Partido Popular.
A semana pasada, o xulgado de 1º instancia do Porriño arquivou as acusacións de Nidia Arévalo contra veciños de Mos polo asunto das facturas de agua falsas acontecido o ano pasado. A Xuíz titular desestimou as pretensións da alcaldesa, quen axiña reaccionou enviando unha nota de prensa onde insistiu nas acusacións, sinalando novamente nunha suposta montaxe política orquestrada polos veciños e membros da oposición contra ela.
Hoxe, os veciños afectados, a través das Asociación de Veciños da Portela, da Comunidade de Montes de Tameiga e da Plataforma Auga é Vida, envían un comunicado onde piden á alcaldesa que cese a súa campaña de acoso e as accións xudiciais contra a veciñanza. Critican ao tempo a cantidade de diñeiro público que supoñen estas actuacións da alcaldía e relacionan tal empeño coa súa oposición pública e cívica ao proxecto do Celta en Mos, porfillado con entusiasmo pola alcaldesa e o PP.
Segundo o devandito comunicado, “con esta suman xa tres veces: a xustiza sobreseiu as súas denuncias contra os veciños que protestaron no multiusos das Pozas, as súas acusacións contra a veciñanza que tiña pancartas nas súas casas e agora volve desmontar toda esta artimaña electoral baseada nunhas graves acusacións contra diversos integrantes das directivas das Comunidades de Traídas de Augas, da Comunidade de Montes de Tameiga e contra o resto das forzas políticas que concurrian ás pasadas eleccións municipais”. Os asinantes cuestionan a lexitimidade de tal estratexia política, baseada en “mentiras”, e lembran a campaña de descalificacións lanzada pola alcaldesa contra a oposición previamente ás eleccións municipais en relación a este asunto.