
Alejandro García Granja reclamou con motivo do VIII Foro Infantil e no nome da infancia porriñesa, que o Parlamento galego garanta “a redución das desigualdades”
O mozo porriñés Alejandro Gómez Granja e alumno do IES Ribeira do Louro, reclamou ao Parlamento de Galicia que “os grupos políticos tomen todas as medidas necesarias para garantir a redución das desigualdades e na procura de cidades e comunidades sustentables”.
Como voceiro no nome do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño, Alejandro Gómez falou hoxe na sesión telemática celebrada polo Parlamento de Galicia, coa ocasión do VIII Foro Infantil que organizaron Unicef Galicia e a Cámara Autonómica.
Miguel Santalices, titular do Parlamento, presidiu a sesión que contou tamén coa participación da presidenta de UNICEF, Myriam Garabito; dos tres grupos políticos da Cámara; e da conselleira de Política Social, Fabiola García.
A concelleira de Educación do Porriño, Lourdes Moure seguíu dende o seu despacho a sesión e tras a intervención do representante da infancia e mocidade local expresou a súa “satisfacción polo papel que, por terceiro ano consecutivo, os nenos e nenas porriñeses tiveran a oportunidade de expoñer directamente as súas opinións ante os deputados do Parlamento de Galicia”.
Moure Varela lembrou que o vindeiro venres 20 ás 10.30 h, O Porriño celebrará o pleno infantil coa ocasión de celebrase o Día Mundial dos Dereitos da Infancia. Polas actuais circunstancias sanitarias a sesión será telemática, de xeito que os alumn@s que intervirán como voceiros, o farán dende os seus respectivos centros docentes. Tanto a alcaldesa, Eva García como a concelleira, tamén participaran en liña.