
Pedro Pereira declarou que o Concello está “parcialmente satisfeito” co compromiso da Xunta sobre as obras da estrada que cruza a parroquia porriñesa de Budiño e que acadarían os 27 millóns de euros
O primeiro tenente de alcalde do Concello de O Porriño, Pedro Pereira, trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.
A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado” valorou Pereira.
O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da variante. O vial terá un 1,4 km e unirá a Autovía A-55 coa estrada PO-510, o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.
Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros, polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 € perencentes ao custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.
Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.
O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore.