Nidia Arévalo anuncia que as obras dos campos de fútbol e vestiarios están a piques de rematar e será cuestión de días que se trasladen alí os adestramentos do equipo. Nun comunicado, o Concello defende o proxecto do Celta e carga duramente contra os comuneiros de Tameiga e a organización Ecoloxistas en Acción, contrarios a aquel, por defender lexítimamente os seus intereses.
Cando se aproxima a data do primeiro aniversario da primeira pedra da Cidade Deportiva en Mos, que tivo lugar o 30 de novembro do ano pasado, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifesta novamente o seu firme apoio a este proxecto, aludindo á situación económica derivada da crise pandémica. Informou ademais de que “as obras das instalacións deportivas na parroquia de Pereiras están moi avanzadas e en moi pouco tempo, cuestión de días, os xogadores do Celta estarán xa adestrando alí”.
Arévalo pronunciouse tamén respecto das accións legais emprendidas contra a Cidade Deportiva en Pereiras, tanto pola Comunidade de Montes de Tameiga como polo que erróneamente denomina “un apéndice da mesma”, Ecoloxistas en Acción. Sinalou que o proxecto “está avalado” por dous arquivos ás súas denuncias: un por parte da Fiscalía e outro pola APLU, Axencia Galega pola Legalidade Urbanística, dependente da Xunta, emitido recentemente. Critica a estas asociacións por provocar “gastos de diñeiro público” coas súas denuncias, co único obxectivo de atacala políticamente.
Ecoloxistas en Acción denunciou ante a devandita axencia que as obras do Celta en Pereiras excedían o obxecto da licenza municipal outorgada, o cal vulneraría as normativas de protección do solo. En declaracións este xornal, sinalan que a resposta da APLU contra a súa petición foi realizada sen que ningún funcionario se trasladase persoalmente ás obras e só tras unha chamada ao Concello. Denuncian opacidade e falta de imparcialidade por parte do Concello e lembran que o proxecto comercial está pendente da resolución da modificación puntual do PXOM que conta con importantes informes desfavorábeis. Afirman tamén que continuarán loitando para defender o medio ambiente e o cumprimento da legalidade.