Redacción 12/11/2020

As contas incluirán un aumento do 60% para o Plan Cultural, que atinxirá os 40.000 euros. A mesma cantidade será destinada ao patrocinio do equipo feminino da U.D. de Mos.

O equipo de goberno local atópase ultimando orzamento para 2021, de maneira que, a vindeira semana, todos os grupos da oposición recibirán o documento para que poidan estudalo.

A rexedora local destacou sobre o novo orzamento, ademais do incremento histórico na partida de gasto social, o reforzo económico de apoio á cultura mosense, que se fará o vindeiro ano puntualmente, para respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos nos que a súa actividade se atopa prácticamente a cero por mor da crise sanitaria da COVID-19. Deste xeito incrementarase a partida destinada a financiar o Plan Cultural do Concello de Mos pasando de 25.000 euros en 2020 a 40.000 en 2021 cunha subida porcentual do 60%.

Así, as bases do Plan Cultural modificaranse tamén, de xeito que se adapten á nova realidade e poidan contabilizarse como actuacións as colaboracións que realicen para dinamizar as redes sociais do Concello, sen necesidade de que se produza o espectáculo e/ou concerto físicamente. “Queremos por unha banda que os nosos grupos musicais, artísticos e culturais mosenses, continúen a sentirse útiles e necesarios (porque o son) a pesares de non poder actuar diante dun público físico de xeito presencial; e que sigan a colaborar co Concello dinamizando as redes municipais e que elo lles repercuta nunha remuneración económica imprescindible para a supervivencia das agrupacións”, declarou Arévalo, quen informou ademais de que o total do capítulo de cultura do orzamento 2021 ascende a 150.000 euros.

Doutra banda Nidia Arévalo abordou tamén o capítulo de deportes, facendo fincapé na partida destinada a subvencións a deportistas e clubes mosenses. Explicou a alcaldesa que “este 2020 xa se lles subira o importe da axuda munipal a todos/as os/as beneficiarios/as e no 2021, ademais de manter a suba xeral, o equipo da U.D. Mos Feminino que ascendeu a Primeira Nacional verá incrementada a súa subvención ata chegar aos 40.000 euros, converténdose deste xeito o Concello de Mos no seu principal patrocinador, xa que dos 60.000 euros do orzamento total que ten o equipo, a administración local asume dous tercios”.

Ademais do U.D.Mos Feminino, as entidades beneficiarias destas axudas son a Unión Deportiva Mos, o Club de Fútbol Alerta, o C.D. Louro Tameiga, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club de Patinaxe Rosaleira, o Club de Patinaxe Xiramos, a bailarina Patricia Martínez, a ciclista Susana Alonso, Juan Rivera, e o Clube de Tiro con Arco ‘Archer’s Team’.

A rexedora mosense informou tamén de que ademais das deportivas, mantéñense tamén todas as subvencións sociais que son un total de 3 destinadas a 3 colectivos sociais do municipio e suman 4.000 euros. Continuando co relativo a gasto social a alcaldesa avanzou que o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento da partida destinada a Servizos Sociais, que crece en preto de 700.000 euros, debido ao incremento de horas de servizo á dependencia, entre outras políticas sociais.

O importe total do orzamento municipal de gastos para 2021 aumenta respecto 2020 e chega aos 10,9 millóns de euros, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada os case 2.000.000 euros (1.244.100,47 euros en 2020).

O orzamento do presente ano é de 10.099.715,13 euros no estado de gastos, polo que crecerá en case 900.000 euros o ano que ven.

“A pesar do seu incremento destinado a políticas sociais, segue a tratarse dun presuposto baseado na austeridade e na eliminación de gasto superfluo”, explicou a rexedora local mosense, quen destacou ademais que, “como cada ano desde que son alcaldesa presentamos o orzamento en tempo e forma, antes do remate do exercizo en vigor; ademais de cumprir coa porcentaxe necesaria da área de gasto destinada á amortización de débeda pública e sen facturas pendentes de recoñecer de anos anteriores”.

Este documento económico anual en Mos sempre se aproba en tempo e forma, antes do inicio do novo exercizo, desde que Nidia Arévalo se atopa na Alcaldía; e neste caso, será aprobado no Pleno do presente mes de novembro que se celebrará a finais de mes.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad