Salceda premiada con 2 flores na súa primeira participación no certame “Vilas en Flor”
O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir a distinción que outorga o certame “Vilas en flor”, que recoñece potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación medioambiental e a concienciación cidadá no coidado do entorno.
Nesta primeira participación o Concello de Salceda recibiu dúas flores de honra, o que ven a avalar o traballo que se está a facer dende o Concello nos últimos anos, recoñecendo deste xeito as actuacións reais, conscientes e a longo prazo en materia de axardinamento, coidado do medio, e mellora da calidade de vida da veciñanza.
O pasado mes de outubro a Alcaldesa, Loli Castiñeira, e a Concelleira de Turismo, Lucía Pereira, acompañaron polo municipio ao xurado do certame, composto por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería e o paisaxismo, o turismo, a cultura e outros ámbitos relacionados con este programa en Galicia. O xurado recoñeceu o traballo realizado en aspectos como humanizacións de rúas, dotación de mobiliario urbano con elementos naturais ou creación de sendas fluviais e outros espazos verdes. Así mesmo, á hora de realizar a súa valoración, tamén puntuaron a creación de zonas de aparcadoiro disuasorias, fundamentais para obter un casco urbano ordenado.
Salceda conta nestes momentos con 8 km de sendas fluviais e uns 90.000 metros cadrados de espazos verdes novos ou recuperados, e de zonas humanizadas, o que se traduce en 8 metros cadrados de zona verde por habitante, dato que foi valorado moi positivamente por parte do xurado. Para obter estes resultados, o Concello destina en torno a 100.000 € anuais para empresas externas, aos que hai que sumarlle todo o traballo realizado polo persoal propio.
Lucía Pereira, Concelleira de Turismo: “Hoxe máis que nunca, coa situación de pandemia que estamos a vivir, é importante contar con espazos verdes e abertos para o desfrute tanto da nosa veciñanza como das persoas nos visitan dende outros Concellos”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo das corporacións que a precederon e do persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade. “Salceda está de noraboa, e este é un merecido premio ao traballo de moita xente que queremos agradecer. Hoxe máis que nunca, Salceda é de todos e de todas, e estas dúas flores de honra son unha boa mostra”.